Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Gonzalo Vázquez Pozo: “Levamos 20 anos na rúa pese ó noso estado natural de crise”

Presidente do consello editorial da revista ‘Eco’

A revista Eco, líder da información política, económica e social de Eurorrexión inicia este mes unha nova andadura con máis contidos e unha imaxe renovada. No 2011 cumprirá 20 anos o que segundo o presidente do seu consello editorial, Gonzalo Vázquez Pozo, require “moito traballo, moitas horas sen durmir e tamén o apoio dos lectores”. Afortunadamente Eco segue a ser un punto de referencia no mundo empresarial. Case unha illa dentro da información económica dentro do país. Eco pon en circulación cinco mil explemplares, en toda Galicia e norte de Portugal.
‘Eco’ enfróntase a unha nova etapa. Cal é a novidade?
A novidade singular é que estamos no mercado tras 20 anos. Neste tempo eu xa vin pechar como unhas corenta cabeceiras e nós seguimos aí. Pero agora cambiamos a maquetación anterior e o tipo de letra xa que despois de tantos anos quedou unha
cousa un tanto abigarrada. Era preciso o cambio, limpar a imaxe e creo que agora é moi lexible, elegante e cun aspecto moderno moi propio da información que damos e que Galicia precisa.
Tamén está ‘colgada’ na rede.
Xa son 12 anos levando unha copia á rede e agora o que imos facer é colgar toda a revista e levar a cabo unha actualización.
Cal é a filosofía da revista?
A revista nace cun compromiso con Galicia e co galego fundamental que é comunicar entre si e vertebrar o mundo económico e empresarial galego e establecer antecedentes de empresas e de persoas que explican actividades que se desenvolven agora. Outro parámetro é aliñarnos coa sociedade galega consciente de si mesma e de participar activamente no que agora xa sabemos que é a UE. Esas son as liñas editoriais que seguimos sempre. Ademais nós estivemos seguindo sempre de cerca todos os eventos importantes.
Agora a economía vende, interesa a todos.
Neste momento e economía xoga, neste caso para mal, un papel fundamental na vida dos gobernos, das empresas, pero tamén na vida das familias e das persoas individualmente. Os gobernos e as súas políticas deberían ter como obxecto o benestar e maior riqueza dos cidadáns.
Contades con expertos, que son capaces de crear opinión
Temos unha liña de colaboradores do máis importante de economía galega. E hai uns meses constituímos o consello de redacción moi capaz, moi selecto que ten como obxecto albiscar un futuro inmediato, recabar temas que contribúen a explicar a realidade. E de aí saen un número de tópicos para tratar.
Neste vinte anos viviu algunha crise como a actual.
Cando empezamos si. Estou falando de crise da sociedade. Nós como empresa vivimos en crise permanente. A crise para nós é o estado natural de traballo pero afortunadamente sempre cumprimos cos nosos compromisos. Nunca deixamos de cumprir as nosas responsabilidades. Pero si, pasamos moitas crises, propias e compartidas.
Quizás o poder non se deixa aconsellar polos expertos.
O papel do gobernante é gobernar. Suponse que teñen ou deberían ter bos asesores outra cousa é que lles fagan caso e que vaian máis alá duns resultados que poidan condicionar uns votos.
‘Eco’ ten a capacidade de influenciar.
Si, ten a capacidade e iso ben dado pola solvencia, polo rigor profesional destes anos. Tamén hai que dicir que é un ámbito reducido, un ámbito especializado.
Lembras algunha nova das publicadas con especial cariño.
Teño un gran recordo da mesa de traballo Galicia-Norte de Portugal, a constitución do Eixo Atlántico.

 

13 oct 2010 / 00:26
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito