El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Gran interese pola primeira ruta atlántica de turismo de mergullo

MARIO ÁLVAREZ SANTIAGO  | 07.12.2018 
A- A+

Máis de vinte empresas da comunidade galega veñen de amosar o seu interese de entrar a formar parte da que será a primeira ruta atlántica de turismo de mergullo, na que Galicia participa xunto a outras rexións de diferentes países de Europa.

Trátase da iniciativa conxunta xurdida ao amparo do proxecto Wildsea Atlantic Ocean Heritage Route (WAOH! Route), na que a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Turismo de Galicia, coordina a participación da comunidade autónoma xunto aos países europeos de Reino Unido, Irlanda e Portugal.

Representantes deste pioneiro itinerario veñen de facer unha reunión de seguimento na cidade portuguesa de Porto, onde se avanzou no deseño do produto turístico que será o resultado deste proxecto, identificando mercados e perfís de usuarios.

Amais, ofrecéuselle a posibilidade ás empresas interesadas en integrarse na plataforma online coa que xa conta a Rede Internacional Wildsea Europe -tamén especializada en turismo de mergullo e vinculada ao proxecto- onde se incorporaron un total de quince empresas galegas.

O portal de Wildsea ofrece visibilidade para que cheguen a un público internacional dentro do marco desta rede de destinos turísticos que traballan xuntos para impulsar o ecoturismo mariño no continente europeo.

Dáse así un paso máis para promover os seus produtos, ao tempo que se abre camiño para formar parte dos produtos turísticos transnacionais que se desenvolverán no marco da ruta que incluirá outras actividades relacionadas co mundo marino ademais do mergullo.

Presenza en feiras internacionais. A WAOH! Route conta co apoio financeiro do Fondo Europeo e Marítimo para a Pesca (FEMP) da Unión Europea e nace para fortalecer ao continente europeo como un destino sustentable de alta calidade, que ademais é quen de crear unha identidade compartida baseada nos hábitats mariños e no amplo patrimonio subacuático do que goza o Atlántico.

A Consellería de Cultura e Turismo vén promovendo o seu desenvolvemento desde principios deste ano, mantendo reunións co sector empresarial galego, coa intención de crear unha rede de empresas formadas e preparadas para entrar neste itinerario e tamén para promover este segmento turístico en feiras internacionais de todo o mundo durante o vindeiro exercicio.

Continúase así avanzando nun proxecto que se aliña co todo o traballo levado a cabo pola Xunta de Galicia a prol do modelo turístico sustentable.

Tomando como fío condutor o turismo de mergullo, o proxecto permitirá combinalo con diferentes actividades náuticas que incluirán percorridos en kaiak polas rías galegas, observación de cetáceos ou mesmo actividades para descubrir o patrimonio marítimo, cuxo coñecemento a través de actividades de turismo subacuático permitirán promover a súa conservación e protección como un atractivo de turismo cultural.

Ao abeiro deste pioneiro itinerario, do que está previsto presentar os resultados ao longo do próximo ano, tamén se conseguirá a creación dunha marca común que aglutine a actual oferta de actividades turísticas vinculadas ao mergullo, así como os deportes náuticos, a enogastronomía ou o turismo mariñeiro, e servirá ademais de aliciente para atraer un mercado que se atopa en crecemento nestes momentos, especialmente no eido internacional, onde se contabilizan seis millóns de mergulladores e máis de vinte millóns de afeccionados ao kaiak.