Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

'Homeless', obras clave de Ángela de la Cruz no CGAC

Exposición en Santiago cos traballos máis importantes na traxectoria da artista// 25 pezas dos últimos vinte anos

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presentou onte a mostra de Ángela de la Cruz que se inaugurou no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e na que se fai un percorrido polos momentos máis importantes na traxectoria da artista.

Ademais do titular de Turismo e da artista, no acto tamén participaron o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo; o director do centro expositivo, Santiago Olmo, e a comisaria da exposición, Carolina Grau.

O título Homeless fai referencia ao traballo homónimo (Sen fogar, 1996), unha das primeiras obras que realizou a creadora rompendo o bastidor que contén o lenzo para converter en tridimensional a peza plana, borrando os límites entre a pintura e a escultura. Nas súas palabras, "é unha escultura utilizando a linguaxe da pintura e viceversa. É unha pintura e unha escultura".

O nome tamén suxire un tema que segue sendo tan importante hoxe como o foi hai máis de vinte anos e que se vencella coa preocupación de De la Cruz pola actualidade, a desigualdade social, a situación política ou os efectos do cambio climático.

Outra característica da súa creación é a continua reciclaxe que fai dela e que nesta ocasión ten a súa expresión na peza Extensión, na que por unha banda temos a pintura recentemente feita, co seu bastidor intacto e, colgando dela, un vello postizo a modo de extremidade en desuso.

Os 25 traballos que reúne representan momentos clave na súa traxectoria e reflicten o desenvolvemento da súa linguaxe artística nos últimos vinte anos. Para facelo, exponse un percorrido polo que realizou entre os anos 1996 e 2018, creando asociacións con obras das distintas épocas e sen seguir unha orde cronolóxica. Cómpre destacar tamén que a maioría das pezas presentadas non se amosaron de maneira retrospectiva anteriormente.

Deste xeito, durante o percorrido o público poderá apreciar a evolución da linguaxe artística ao observar desde creacións realizadas con diversas porcións de mobiliario, nunha opción de reciclaxe e experimentación con obxectos da súa propia escala, que se incorporan á súa produción desde o ano 2000, como ocorre en Still Life (with Table); ata o último material que a artista inclúe, unha peza de aluminio pintado, Crate (Burgundy) do 2017.

CARREIRA

Angela de la Cruz é a artista galega de meirande recoñecemento internacional da súa xeración e en 2017 recibiu o Nacional de Artes Plásticas. É licenciada en Filosofía e Letras pola USC. A finais dos anos noventa prodúcese un punto de inflexión na súa traxectoria grazas ao proxecto Larger than Life (1998). Desde finais dos noventa participou en numerosas individuais e colectivas.

22 feb 2019 / 22:59
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito