Homenaxe das Escolas Católicas a Xosé Reboiras
Santiago. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, tivo onte unhas palabras de recoñecemento para o irmán Xosé Reboiras, a quen se lle rendeu unha homenaxe na inauguración da XV Xornada de Normalización Lingüística, organizada polas Escolas Católicas en colaboración coa Xunta.
Na súa intervención, destacou que durante anos o irmán Reboiras "traballou con tesón, inmune ao desalento, pola normalización lingüística dos colexios relixiosos de Galicia".
Así mesmo, quixo animar "os seus herdeiros a continuardes o seu camiño e traballardes arreo para que os centros educativos de Escolas Católicas, sobre todo os situados en contornos con menor presenza do galego, sexan referente no ensino e na promoción social da nosa lingua".
Xunto co secretario xeral de Política Lingüística, participaron na inauguración Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, e Juana Otero, secretaria autonómica de Escolas Católicas de Galicia.
Tras a apertura, celebrouse a conferencia Ricardo Carballo Calero. Aproximación á súa figura e ao seu tratamento na aula, a cargo do profesor e escritor Bernardo Penabade.
A Consellería de Cultura ten asinado un convenio de colaboración con Escolas Católicas que lle permite a esta entidade desenvolver o seu Plan de dinamización lingüística, con accións nos eidos da administración, pastoral, alumnado, familias e ANPA e docencia.