El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Impulso en Fitur ao Xacobeo 2021, exemplo da mellor Galicia calidade

O Ministerio de Cultura ten xa a documentación da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, e podería enviala este mes á Unesco

FOTO: Xunta de Galicia
FOTO: Xunta de Galicia

MARIO ÁLVAREZ SANTIAGO   | 23.01.2020 
A- A+

Cun chamamento para converter o próximo Ano Santo na celebración global da mellor Galicia calidade, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, inauguraron onte a actividade no expositor de Galicia na Feira Internacional de Turismo, que se celebra ata o domingo en Madrid, e onde presentaron Camiño ao Xacobeo 2021.

Na súa intervención, expuseron un avance da programación deseñada para este gran acontecemento cultural, coas primeiras iniciativas xa en marcha, así como os valores que inspiran as accións impulsadas pola Xunta, coa sustentabilidade e a participación como referentes. Neste sentido, explicaron que incluirá máis de 180 proxectos que contemplan preto de 8.000 actividades nos 313 concellos da comunidade, ás que se prevé que asistan máis de sete millóns de persoas.

Rueda subliñou que a Xunta considera prioritaria a preparación do Ano Santo, e proba diso é que o Goberno autonómico avanzou a programación máis dun ano antes da súa celebración. Apuntou, ademais, que o Xacobeo integrará valores tan importantes como a igualdade, a inclusión, a accesibilidade e a innovación; e xerará riqueza e emprego en Galicia.

Pola súa banda, Rodríguez afirmou que o Camiño é "un motivo de orgullo" para todos os galegos e que un dos obxectivos da Xunta é que a celebración do Ano Santo se converta no "acontecemento cultural máis importante de Europa".

"O Xacobeo é a nosa mellor tarxeta de visita e un acontecemento transversal que non se limita só a Santiago, senón que abrangue toda España", precisou sobre esta efeméride.

Por iso, e co obxectivo de comezar unha intensa promoción do Xacobeo 2021, o stand de Galicia en Fitur está centrado precisamente neste aspecto.

Entre outras novidades, o chamado túnel do Camiño recrea as sensacións que un peregrino experimenta a través dun percorrido inmersivo de sons, vídeo e imaxes. Inclúe un mapa interactivo cos dez itinerarios e un probador virtual con vestimentas e complementos de peregrinos.

No renovado expositor, de case 1.000 metros cadrados, tamén están presentes elementos emblemáticos da cultura galega, como o pano propio do traxe tradicional, que viste parte do stand a modo de fío condutor, ou a icónica cuncha de vieira en diferentes formatos, tratamentos e posicións. Está dividido en distintas zonas habilitadas para presentacións, reunións de traballo, degustacións e información e atención aos visitantes.

Aberto ao longo de cinco xornadas, as tres primeiras para profesionais e a fin de semana para o público, acolle máis de 40 presentacións e máis de 16 espazos divulgativos nos que estarán representados os grandes elementos que caracterizan á comunidade como destino.


presenza das catro provincias. Dispón dun área dedicado ás catro provincias, ás sete grandes cidades e aos distintos xeodestinos. Do mesmo xeito, teñen unha presenza destacada as candidaturas a Patrimonio Mundial da Ribeira Sacra, Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas ou o Ferrol da Ilustración, así como outros elementos destacados da nosa cultura, como o Entroido, o turismo rural, o activo ou o de deportes como o surf e o mergullo.

Por outra parte, o conselleiro de Cultura e Turismo anunciou en Fitur que o Goberno galego entregou onte mesmo pola mañá no Ministerio de Cultura y Deporte a documentación da Candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade para a súa revisión e envío á Unesco que, previsiblemente, acontecerá antes de concluír este mesmo mes de xaneiro.

Rodríguez subliñou que "cumprimos os nosos deberes" coa declaración do Ben de Interese Cultural (BIC), co Plan de Xestión e co dossier entregado, "e seguiremos sendo alumnos aplicados para estar na mellor das disposicións e lograr que 2021 sexa o ano de Galicia, polo Camiño e o Xacobeo, pero tamén pola Ribeira Sacra e o seu excepcional legado".

Apelou á prudencia e explicou a complexidade dunha tramitación que vai do local ao global no seu percorrido cara á inclusión futura na Lista do Patrimonio Mundial da Unesco.

O conselleiro puxo en valor o traballo cooperativo no ámbito da candidatura, ao afirmar que "desde a Xunta de Galicia, en coordinación coas diferentes administracións e da man da comunidade local, representada aquí, levamos anos traballando para lograr este fito", e agradeceu o traballo conxunto e a xenerosidade de todas as partes para "pór en valor un territorio vivo e cun patrimonio extraordinario do que todos os galegos debemos estar orgullosos".

O titular de Turismo concluíu destacando que a Ribeira Sacra é cada vez máis coñecida e valorada dentro e fóra de Galicia, nunha zona na que incrementouse en catorce puntos porcentuais a demanda estranxeira, "o que pon de manifesto a relevancia internacional que está logrando a candidatura da Ribeira Sacra".

A Ribeira Sacra é unha conta coa máxima protección cultural, natural e paisaxística. Constitúe unha testemuña excepcional da cristianización da Península Ibérica e a paisaxe simbólica máis occidental da Europa continental.

Más información en pág. 26