El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Impulso desde Ourense ao sector do turismo deportivo

Expertos ibéricos analizarán nun congreso as posibilidades dun ámbito que en España xera case 14.000 millóns de euros ao ano

Emma González, Manuel Baltar, José Ramón Lete Lasa e Flora Moure, onte en Ourense
Emma González, Manuel Baltar, José Ramón Lete Lasa e Flora Moure, onte en Ourense

LUIS MONTERO SANTIAGO   | 29.10.2019 
A- A+

Expourense acolleu onte a presentación do I Congreso Ibérico de Turismo Deportivo, que terá lugar no recinto feiral da cidade das Burgas os vindeiros 14 e 15 de novembro.

Nun acto no que participaron o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa; a concelleira de Turismo do Concello de Ourense, Flora Moure, e a directora adxunta de Expourense, Emma González, o mandatario provincial salientou a estratexia sobre o turismo deportivo.

Neste sentido, lembrou que "así presentamos en Fitur hai uns anos á provincia como escenario para o deporte a todos os niveis: de inverno, na estación de montaña de Manzaneda; náuticos, sinaladamente remo e piragüismo; as etapas da Vuelta a España; a pista de atletismo de Expourense; as probas de BTT e o Rally de Ourense, entre outras moitas iniciativas que seguen a singularizar a nosa provincia como un destino de turismo deportivo, cultural, natural e termal".

Na súa intervención, subliñou que a marca Ourense "caracterízase tamén pola innovación aplicada ao turismo", un ámbito no que destaca o proxecto Hay un Ourense para ti, descúbrelo, "unha plataforma de turismo intelixente que ten como obxectivo achegar aos usuarios un turismo provincial máis interactivo e innovador, con aplicacións para móbiles, unha guía con contidos interactivos, cámaras para monitorización de rutas e seguimento dos lugares máis visitados".

Por outra parte, considerou que a iniciativa de Ourense como destino de turismo deportivo "consolidarase co tempo, e o noso territorio será referente nun sector que en España xera ingresos de preto de 14.000 millóns de euros anuais"; algo que desde o seu punto de vista, "coa chegada da alta velocidade multiplicará as posibilidades de Ourense, que xa pode presumir hoxe dos mellores datos turísticos da súa historia".

O congreso, coorganizado pola Deputación, a Xunta e Expourense, contará cunha vintena de expertos españois e lusos, que presentarán o turismo deportivo como unha ferramenta de desenvolvemento e diferenciación dos destino.

Dirixido a profesionais do deporte e o turismo, así como a alumnado e profesores de ensino deportivo e administracións con competencias nestes ámbitos, desenvolverase paralelamente á terceira edición de Sportur Galicia, o Salón do Deporte e Turismo Activo.

Manuel Baltar

presidente deputación ourense

"Singularízase a provincia como un destino de turismo deportivo, cultural, natural e termal"

 

"Coa chegada da alta velocidade multiplicaranse as posibilidades coas que conta Ourense"