El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Incorporación dunha ruta dos Camiños de Santiago ós trens turísticos galegos

Esta nova edición, que terá lugar entre o 1 de xuño e o 26 de outubro, conta con doce percorridos e sumará 57 viaxes

Escolástico González, á esquerda, seguido de Carlos Álvarez, Román Rodríguez, Nava Castro e Rosendo Fernández, onte na presentación da nova edición - FOTO: Xunta de Galicia
Escolástico González, á esquerda, seguido de Carlos Álvarez, Román Rodríguez, Nava Castro e Rosendo Fernández, onte na presentación da nova edición - FOTO: Xunta de Galicia

MARÍA LEDO SANTIAGO   | 16.05.2019 
A- A+

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presentou durante a xornada de onte a programación da sétima edición dos Trens Turísticos de Galicia. Tras o éxito dos últimos anos e na antesala do Xacobeo 21, incorporan unha nova ruta polos Camiños de Santiago para descubrir parte do patrimonio galego a través de diferentes tramos do Camiño Francés, Norte, Primitivo e Inglés.

O acto de presentación, celebrouse no Museo de San Martiño Pinario, onde Renfe conta cunha nova oficina destinada en exclusiva á evenda de billetes para este tipo de itinerarios. Rodríguez estivo acompañado pola directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, polo xerente de Trens Turísticos de Renfe, Escolástico González, e polo presidente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico, Rosendo Fernández.

O novon itinerario presentado ten como obxectivo principal achegar aos viaxeiros á realidade das peregrinacións xacobeas. A ruta sairá de A Coruña (Camiño Inglés), achegarase ao Mosteiro de Sobrado dos Monxes (Camiño do Norte), á cidade de Lugo (Camiño Primitivo) e ao mosteiro de San Xulián de Samos (Camiño Francés). Deste xeito, o tren percorrererá catro dos dez puntos xacobeos en Galicia, reforzando tamén a Ruta dos Mosteiros.

Ademais desta incorporación, a nova edición dos Trens Turísticos de Galicia manterá as xa coñecidas Ruta dos Faros, Pazos e Xardíns Históricos de Galicia, a da Lamprea, a de Ourense Termal e Versalles galego, así como os seis trens turísticos que percorren os territorios de cada unha das cinco denominacións de orixe vitivinícola e a dos Mosteiros que, tras o éxito do ano pasado co 100% de ocupación, duplicará as súas saídas.

Estes doce percorridos suman 57 saídas entre o 1 de xuño e o 26 de outubro e circularán por máis de 16.000 km nas catro provincias. Partindo do 93 % de ocupación da anterior edición, Escolástico González destacou que "este ano vai polo mesmo camiño".

Rodríguez afirmou que se trata dunha oferta moi diversa cun gran valor "patrimonial e paisaxístico". Carlos Álvarez Varela, rector do Seminario, aplaudiu a iniciativa e agradeceu a presencia de Renfe para potenciar o coñecemento sobre San Martiño Pinario.

Ademais das viaxes en tren, as rutas inclúen visitas guiadas e traslados en autobús. O prezo de cada unha é de 45 euros para adultos (con descontos dun 15 % para grupos) e 20 euros para os nenos de idades comprendidas entre os 3 e os 13 anos. Os billetes pódense adquirir a través da web de Renfe e na nova oficina de Renfe instalada en San Martiño Pinario.