El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Julião Sarmento regresa ao CGAC coa mostra 'Without'

Inaugurada onte polo conselleiro de Cultura e comisariada por Santiago Olmo e David Barro, estará aberta ata o 3 de febreiro

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, no centro, onte na inaguración - FOTO: ECG
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, no centro, onte na inaguración - FOTO: ECG

MARIO ÁLVAREZ SANTIAGO   | 10.11.2018 
A- A+

O lisboeta Julião Sarmento regresa ao Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), nesta ocasión coa mostra Without, inaugurada onte polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e que permanecerá aberta ata o 3 de febreiro na capital galega.

Unha exposición comisariada conxuntamente polo crítico de arte David Barro e o director do CGAC, Santiago Olmo, e que ofrece unha trintena de obras visuais significativas para comprender a evolución estética e de intereses do artista portugués.

Trátase dunha "ampla e significativa escolma creativa" que nesta nova temporal se ofrece de Sarmento, en palabras do titular de Cultura, quen subliñou que é "sen dúbida, un dos máis destacados da arte portuguesa e internacional".

Na súa intervención, Román Rodríguez fixo fincapé en que con esta exposición se continúa cos 25 anos de portas abertas do CGAC e se afonda nas relacións "ibéricas e atlánticas" deste centro de referencia da arte contemporánea en Galicia.

Antes da inauguración, na que tamén participaron o propio artista, así como os comisarios da mostra e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, este subliñou na presentación que Sarmento "forma parte da historia do CGAC", xa que recordou que "estivo presente desde os inicios do centro", posto que a segunda exposición no CGAC foi obras do lisboeta, quen tamén estivo presente na celebración do vixésimo aniversario do CGAC.

Santiago Olmo, pola súa parte, destacou que "é unha exposición sen cinema e sen vídeo, que subliña a mirada cinematográfica sobre a práctica da imaxen en movemento", según recolle Europa Press.

O director do CGAC expresou o seu agradecemento a Julião Sarmento pola súa xenerosidade nos préstamos, á coordinadora da exposición, Cruz Provecho, e a todo o equipo do centro museístico, e presentou o catálogo da mostra, no que ademais dos comisarios da mesma escribe a profesora da USC Margarita Ledo como "experta no ámbito do cinema", subliñou.

David Barro referiuse a Sarmento como "un amigo co que me resulta moi fácil traballar", e explicou que elixiron a temática do cinema "como excusa para ver a traxectoria" dun autor "moi polifacético".

Por outra parte, resaltou que a obra da exposición é "casi inédita", sobre todo en países europeos, posto que algunhas das pezas soamente víronse na cidade brasileira de São Paulo.

O título da mostra, Without, fai referencia á polaridade que domina toda a obra de João Sarmento; a polaridade como unha porta que nun lado ten escrita a palabra entrada e no outro saída, pero sempre é a mesma porta e, segundo o lado polo que nos acheguemos a ela, vemos un ou outro dos seus aspectos.

Moitas das obras do artista portugués conteñen imaxes de imaxes e están relacionadas entre si, aínda que funcionen dunha maneira independente.

Todo o seu traballo proxecta unha sensación cinematográfica porque no que vemos sempre intuímos algo que se mantén ausente, fóra de escena. E a exposición do CGAC é unha visión panorámica que recolle traballos arredor deste sentir cinematográfico, transversal a toda a súa traxectoria profesional.

Actividades arredor da exposición Dentro das actividades organizadas polo CGAC, ofrece todos os sábados, ata xuño, a posibilidade de percorrer as exposicións mediante visitas guiadas. Un servizo co que busca estimular o interese pola creación artística contemporánea e facilitar a comunicación entre os asistentes e as obras de arte. Ademais, o 18 de decembro, ás 20.30 horas, terá lugar un concerto no que a agrupación Vertixe Sonora Ensemble interpretará varias pezas inéditas concibidas para dialogar coa obra de Sarmento polos compositores Lesley Hinger, Christian Märkl, Dariya Maminova e Daniel James Miller.

Román Rodríguez Conselleiro de cultura e turismo "Esta exposición recolle unha ampla e significativa escolma creativa dun dos máis destacados da arte portuguesa e internacional, e afonda nas relacións ibéricas e atlánticas"