Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Lema avoga por estender a influencia e relación da RAGC con outros grupos

Anuncia a proposta da nova directiva de investir a Miguel Ángel Ríos como presidente de honra // Entregados os premios Viéitez

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou onte a toma de posesión do seu novo presidente, Juan Manuel Lema Rodicio, que releva no cargo a Miguel Ángel Ríos Fernández, ao frente da institución académica durante os últimos cinco anos. No acto, no compostelá Pazo de San Roque, foron entregados tamén os Premios de Investigación Ernesto Viéitez a un equipo internacional liderado por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a un enxeñeiro da Universidade da Coruña (UDC).

Asistiron ao acto, co que quedou aberto o curso académico da RAGC, a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey; o reitor da UDC, Julio Abalde; o vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, Vicente Pérez Muñuzuri; a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo (Uvigo), Belén Rubio; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, e o director da Escola Naval Militar de Marín, Ignacio Cuartero.

Na súa intervención, Juan Lema, catedrático de Enxeñaría Química da USC e académico da RAGC desde 2016, quixo recoñecer o labor do seu antecesor, Miguel Ángel Ríos. Logo de destacar que el, xunto co equipo directivo saínte, "soubo estabilizar a Academia e desenvolver un número moi salientable de iniciativas en prol da ciencia en Galicia", Lema anunciou que elevará a proposta de nomear a Ríos presidente de honra da institución.

O novo mandatario subliñou que é a súa intención ampliar ao máximo o radio de acción da RAGC, buscando a colaboración do maior número de entidades posible, tanto no eido da Administración (desde a autonómica ata as provinciais e as locais), como no das fundacións, os colexios profesionais, as asociacións, outras academias, o tecido empresarial, o ámbito educativo, etc. Ademais, destacou que este labor se realizará preservando a independencia, "un dos máis importantes activos da RAGC, que debemos exercer á hora de crear opinión sobre temas centrais que lle afectan á sociedade".

Neste sentido, propúxose que a institución académica sexa capaz de contribuír ao convencemento da sociedade de que un maior esforzo en I+D "resulta nun mellor desenvolvemento socioeconómico e, en consecuencia, nunha sociedade máis feliz".

Pola súa banda, o presidente saínte fixo un repaso polas numerosas iniciativas desenvolvidas durante o seu mandato.

Ríos recoñeceu o traballo do seu equipo, subliñando que "é indiscutible que a RAGC progresou nestes últimos cinco anos, e que o fixo con rumbo claro e ben definido, co ánimo de converterse nun faro capaz de iluminar e orientar á sociedade galega cos escintileos da luz da ciencia".

A isto engadiu que aínda queda moito camiño por percorrer e que a RAGC "precisa dun novo impulso e dun novo presidente que poida acometer esta tarefa con ánimos renovados".

A lección inaugural do novo curso académico da Real Academia Galega de Ciencias estivo a cargo de Juan José Nieto Roig, que disertou sobre as novas tendencias en investigación, facendo un percorrido desde a nanotecnoloxía e a intelixencia artificial ata os exoplanetas e a computación cuántica.

Juan Manuel Lema novo presidente da ragc "Ríos soubo estabilizar a RAGC e desenvolver un número moi salientable de iniciativas"

Miguel Ángel Ríospresidente saínte da ragc"Progresou para ser un faro capaz de iluminar e orientar á sociedade galega cos escintileos da luz da ciencia"

23 ene 2019 / 20:53
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito