El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Liz Marzán disertou ante 300 estudantes sobre nanotecnoloxía

O químico e Premio Nacional de Investigación 2018 participou no Día da Ciencia en Galego

MARIO ÁLVAREZ SANTIAGO   | 09.11.2019 
A- A+

Organizada por Igaciencia (Institución Galega da Ciencia) co apoio da Consellería de Cultura e Turismo, trescentos estudantes de 4º da ESO e bacharelato participaron onte na celebración do Día da Ciencia en Galego no edificio administrativo da Xunta en Lugo, xuntanza na que o químico galego Luís Liz Marzán ofreceu unha conferencia sobre nanotecnoloxía.

Nun acto que contou coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, o primeiro deles agradeceulle ao conferenciante que fixese un oco na súa apretada axenda de traballo para fomentar as vocacións científicas en galego no estudantado de Lugo.

Despois, dirixíndose ao alumnado, reflexionou sobre o feito de que, "por haber en Galicia un sistema educativo bilingüe, recibides clases de materias científicas en galego, castelán e ás veces tamén en inglés, pero debedes saber que, sexa cal for a lingua en que se vos imparta unha área, sempre é posible usar calquera outra para investigar e divulgar os seus contidos, e o galego non é unha excepción", subliñou.

Por este motivo, animou os estudantes a usar o idioma propio de Galicia "para ler, para pescudar e para experimentar", ademais de para relacionarse cos seus iguais no tempo de ocio.

Xunto con Valentín García e o conferenciante, Luís Liz Marzán, participou no acto a secretaria de Igaciencia, Inés Ben.

Os participantes eran dos IES lucenses Ánxel Fole, Xoán Montes, Leiras Pulpeiro e Nosa Señora dos Ollos Grandes, dos CPI Plurilingüe de Castroverde e Ramón Piñeiro de Láncara e do Colexio Fingoi.