El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

{ ensaio }

Longa viaxe pola loita feminista

JOSÉ MIGUEL A. GIRÁLDEZ  | 11.11.2010 
A- A+

Parir a liberdade, O movemento feminista...
Elvira Fente,
Alvarellos Editora,
2010, 419 páxs. 17 €

TOMANDO COMO BASE unha expresión de María Xosé Queizán, "parir a liberdade", a xornalista Elvira Fente acaba de publicar un excelente, e, sobre todo, completísimo ensaio ao redor da evolución de movemento feminista en Galicia. Aínda que nos últimos anos viron a luz traballos diversos de corte feminista, así como obras de ficción nos que se desenvolvían novos ámbitos e novas voces femininas, quizais facía falta un traballo con intención compiladora como este que temos entre as mans, un ensaio que abranguese, en realidade, a evolución do movemento, desde os inicios coas primeiras reivindicacións en torno ao ano 1975. Este ensaio é, sen dúbida, Parir a liberdade. A obra, como a propia autora sinala, está dividida en tres partes. A primeira fala precisamente das dificultades dos comezos, e faino con vontade sintetizadora, pero sen deixar detalles no camiño. Desde as publicacións ás marchas e as manifestacións en defensa dos dereitos das mulleres. A segunda parte estuda os "eixes temáticos da loita feminista". É, quizais, a máis densa e a máis detallada. A autora demostra que manexou unha documentación abundante, precisa e de moi diversas procedencias. De tal forma que todos os avances en territorios como o sexo, a prostitución ou a loita contra a violencia de xénero quedan suficientemente reflectidos e documentados. Finalmente o libro conta cun apartado moi atractivo, dedicado a dez entrevistas con mulleres que estiveron sempre en primeira liña na batalla feminista: María Xosé Queizán, Nanina Santos, Ana Fernández Puentes, Carmen Blanco, Sabela Mouriz, Tareixa Navaza, Rosa Bassave, Lupe Ces, Ana Míguez e María Xosé Agra. Esta última parte, a máis xornalística, complementa con acerto os dous primeiros capítulos, máis teóricos, nos que abondan as citas e os datos. Parir a liberdade é un deses libros que se fan imprescindibles nunha sociedade avanzada e democrática que debe primar sempre a igualdade de xénero.