Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
escritor

López-Barxas: “A obra máis importante de Ben-Cho-Shey é a que fixo coa súa vida por Galicia”

{ Ourense, 1952 } Na súa procura constante por recuperar grandes valores da literatura galega, Paco López-Barxas achégase agora á obra, “inxustamente esquecida” de Ben-Cho-Shey, coñecido pseudónimo do tamén ourensán Xosé Ramón E. Fernández Oxea, mestre, etnógrafo, xeógrafo, arqueólogo e escritor, gran defensor da lingua galega, último representante da Xeración Nós. Con ‘Ben-Cho-Shey inédito’ (Auga Editora / Deputación de Ourense), López-Barxas recupera algúns documentos persoais, e unha manchea de excelentes fotos, sobre o escritor, “polígrafo humilde e discreto”, co que mantivo unha amizade constante durante dezasete anos. Cartas, debuxos, fotografías e, por suposto, recordos de múltiples encontros. O libro vai ser presentado mañá, ás 19.30, na Libraría Couceiro de Compostela

Paco López-Barxas é un home entusiasta dos libros e da literatura, coñecedor de tantos escritores como entrevistou ao longo da súa vida, galegos e non galegos, apaixoado dos mundos interiores, ás veces non moi ben coñecidos, das nosas letras, particularmente do impresionante legado da Xeración Nós. Ourensán polos dezaseis costados, como dicía Unamuno da súa condición de vasco, López-Barxas adoita unir aos asuntos literarios unha mirada humana. Neste libro dedicado a Ben-Cho-Shey esa paixón multiplícase, porque López-Barxas non só reivindica a un escritor que considera magnífico, senón tamén "a crónica dunha longa amizade". Di López-Barxas que é necesario volver ao gran etnógrafo ourensán, tres décadas despois da súa morte, acaecida en 1988. E tamén reivindica para Ben-Cho-Shey un Día das Letras Galegas, "que ten máis que merecido".

Paco, ti coñeciches a moitas figuras importantes da literatura galega, porque empezaches moi novo no mundo do xornalismo e da crítica literaria. Pero a túa amizade con Ben-Cho-Shey foi unha das máis relevantes durante os anos que pasaches en Madrid, onde chegaches en 1971.

Eu coñecín a Ben-Cho-Shey por casualidade. Ía a todas as feiras do libro por entón: naquela época, a Feira de Madrid xa era no Retiro, como agora. Sempre estaba a caseta de Editorial Galaxia, e alí coñecín ao escritor. Descubrimos que éramos veciños no mesmo barrio madrileño de Argüelles: eu vivía en Princesa e el en Martín dos Heros. O día que o coñecín, eu acababa de mercar alí dous libros de Castelao, Retrincos e Cousas: lembro ese momento coma se fose hoxe. Ben-Cho-Shey era bonachón de carácter, agarimoso, unha persoa moi afable.

Foi, sen dúbida, un encontro afortunado.

Cando soubo que era de Ourense, de Verín, convidoume inmediatamente á súa casa. Falamos de Otero Pedrayo, e doutros moitos. Expliqueille que chegara a Madrid para estudar, para facer Filosofía e Letras na Complutense. E desde ese día mantivemos unha amizade que durou ata que se puxo enfermo. Visiteino moitas veces, porque el alegrábase moito, e a súa muller, Isabel Algarra, tamén quería que o acompañase. A súa casa, na que había moitos cadros, era como un pequeno territorio galego en Madrid. Movíase polo barrio. Ía ao Centro Galego, e a Sargadelos, na rúa Zurbano. Tentou que os curas galegos en Madrid deran as misas en galego na parroquia de Martín de los Heros! A maioría destes galeguistas eran homes máis ou menos relixiosos, xa sabes, pero creo que Ben-Cho-Shey era un dos menos dogmáticos, un dos máis aperturistas. No libro publico fragmentos dalgunhas cartas inéditas bastante polémicas que recibiu respecto diso.

Tiveches con el unha relación case familiar.

Acórdome de que eu adoitaba subirlles o xornal da caixa de correos, porque estaban tan maiores que eles nin sequera baixaban a escaleira. Xa sabes que foi un colaborador importante de La Región, pero tamén de EL CORREO GALLEGO e de La Noche. Cando caeu enfermo perdeu totalmente a fala. A súa muller poñíalle a gravata e ambos saían de ganchete, a pasear por aquelas tardes de Arguelles. Eu adoitaba acompañalos moitas veces.

Resulta inexplicable que Ben-Cho-Shey fique practicamente esquecido.

Sen dúbida. Hai que pensar que el foi a ligazón entre a Xeración Nós e as xeracións posteriores. Hai outros epígonos, como Xocas, como Filgueira, dacordo, pero el é tamén moi importante. E o ano pasado cumpríronse 30 anos da súa norte... Penso que vivir fóra de Galicia, fóra de Lugo (onde presidiu o Partido Galeguista), e de Ourense, pode ser unha circunstancia que non lle favoreceu. Non o sei. Naquel tempo o galeguismo viraba ao redor de Galicia, como é natural, ou ao redor de Buenos Aires. Pero é un home fundamental, apaixoado, e un dos grandes defensores da nosa lingua. E un representante do galeguismo en Madrid, con gran influencia sobre o grupo Brais Pinto desde a presidencia, xunto con Cabanillas, do grupo Castelao de mozos universitarios. Aí están as súas clases de galego no Clube de Amigos da Unesco... Levaba á oficina da censura os orixinais de Galaxia. No libro conto o seu desgusto (acabou chorando de impotencia) con A Esmorga, que chegou totalmente censurado. Con este libro só pretendo recuperar unha parte da memoria de Ben-Cho-Shey, que é, en realidade, a memoria de toda unha xeración. Hai que pensar que a miña relación con el foi intensa, que deixou nas miñas mans moitos manuscritos inéditos, e máis de cen cartas con amigos como Pedrayo, Cuevillas, Paco del Riego, Manuel Beiras, Fraguas, Piñeiro, Pura Vázquez ou Rodolfo Prada. Moitas delas aparecen reproducidas neste libro.

Ben-Cho-Shey, como a maior parte dos galeguistas, vai máis aló da literatura. É un polígrafo, en efecto, que atende moitos aspectos da cultura, no que agroma un enorme interese por todo. Pero o seu maior libro é Santa Marta de Moreiras...

Si, sen dúbida. É un estudo profundo dunha parroquia galega en Ourense, publicado no 68. Un estudo antropolóxico desde todos os puntos de vista, con deseños, por exemplo, de Risco. Un estudo que inclúe por primeira vez máis de cincocentos termos do barallete, a lingua dos afiadores. Era unha lingua gremial que estaba bastante vedada para os que non pertencían á profesión.

Das moitas relacións de Ben-Cho-Shey con figuras da intelectualidade daquel tempo, cal dirías que foi a máis próxima a el?

É difícil. Tivo moitas e moi importantes. E iso a pesar de estar en Madrid. Tivo moita relación con Otero Pedrayo, que o consideraba como o seu irmán pequeno. Non esquezamos aquela peregrinación a pé que fixo con Pedrayo e Risco a San Andrés de Teixido, e que acabou escribindo Pedrayo. Esa historia é magnífica. Descobre moitas anécdotas.

En realidade, a vida de Ben-Cho-Shey está chea de anécdotas.

Si, hai moitísimas. Como ese costume seu de vir a Galicia no seu Seat 600 e parar en todas as igrexas que atopaba na viaxe, coa súa gran paixón por catalogalas (tamén o facía no verán en Galicia, claro). Lembro tamén que conservaba as entradas a calquera espectáculo, incluídos os touros (adoitaba escribir na parte de atrás a súa opinión do evento): era bastante coleccionista. E, sobre todo, era moi ordenado coas súas cousas.

Para ti, que o coñeciches tan ben, a obra máis importante de Ben-Cho-Shey é a súa vida.

Hai escritores como Ben-Cho-Shey ou Losada Diéguez nos que a vida ten máis peso que a súa obra. Non quero dicir con isto que a súa obra non sexa importante, que o é. Álvarez Blázquez dicía que Ben-Cho-Shey era o galego máis galego que coñecera. Por iso creo que merece un Día das Letras Galegas. Xa pasaron 33 anos desde que se lle concedeu a medalla Castelao. Vai ser o centenario da Xeración Nós e debería terse en conta, cara á 2021, por exemplo. Aí teñen unha oportunidade.

28 oct 2019 / 21:06
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito