El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

López-Barxas publica un relato sobre Pedrayo

Tenta achegar de maneira sinxela e poética a súa vida e obra // O libro leva ilustracións de Isabel Pintado

Paco López-Barxas, autor do libro Historia de Ramón.  - FOTO: G.
Paco López-Barxas, autor do libro Historia de Ramón. - FOTO: G.

JOSÉ MIGUEL GIRÁLDEZ SANTIAGO   | 07.01.2019 
A- A+

Unha nova mirada cara á figura de Ramón Otero Pedrayo acaba de saír do prelo hai semanas. Publicada por Teófilo Edicións e a Deputación de Ourense, este fermosísimo libro de Paco López-Barxas e a ilustradora Isabel Pintado ofrece, especialmente aos lectores máis novos, un reconto poético da vida e a obra desta gran figura das letras galegas, contemplado desde o seu lugar de Trasalba, envolto na paisaxe que construíu a súa escrita, sempre vencellado fortísimamente á mensaxe da natureza, da auga e das árbores.

É coñecida a fascinación de López Barxas por don Ramón, que agromou nos seus anos novos en Ourense e no val de Verin. Agora, con máis de vinte libros publicados, moitos deles dedicados á súa gran paixón, a entrevista literaria, Barxas ofrece esta emotiva mirada sobre o señor de Trasalba: textos breves, escritos con fondura poética, que navegan sobre feiticeiras ilustracións da gran artista plástica Isabel Pintado, nas que se descobre a cor da infancia de Pedrayo, a cor da terra e dos soños, fronte ás tonalidades grises e ocres do presente narrativo, xa nos anos finais da súa vida. A mirada de Don Ramón desde a solaina da Casa Grande da Cima de Vila é a mesma que Barxas ofrece ao lector. A nenez do escritor mestúrase aquí co final da súa vida. O gran símbolo da súa existencia é a araucaria de Trasalba. Un vento poderoso derrubou a gran árbore cando Otero Pedrayo alcanzou o oitenta e catro anos, e, dinos Barxas, pronto interpretou que a morte do seu irmán, a poderosa araucaria, era o anuncio, o fatídico agoiro, da súa propia morte.

Explica Barxas: "En Historia de Ramón, que así se titula este libro, narro a infancia de Otero Pedrayo partindo da Historia dun neno unha obra súa publicada en 1979 pola Fundación que leva o seu nome, así como do relato que, co título de Meu irmao escribise don Ramón para os alumnos do Colexio Nacional Virxe de Covadonga, publicado no xornal escolar en 1976, pouco antes da súa morte, con motivo do seu aniversario. No 5 de marzo de 1888, día no que nace Otero Pedrayo, está a orixe dunha relación entrañable entre un home e unha árbore, entre o sentimento e a paisaxe. Pois o pai de Otero Pedrayo plantou unha araucaria no xardín de Trasalba cando naceu o seu fillo. Unha araucaria para uns (Ogando Vázquez, Carlos Baliñas, Paco Del Riego, Carlos Casares) mentres que para outros, como o botánico Carlos Rodríguez Dacal, foi en realidade un pinsapo ou piñeiro abeto a árbore plantada polo seu pai". Di Otero Pedrayo da súa araucaria desarraigada polo vento: "Eu tiña un irmao. Morreu fai tres anos. Era tan outo, forte e rexo, que soio un gran vento o podía derrubar. E un gran vento derrubouno un dia de febreiro. Cando caíu estomballou un pazo forte e vello de séculos e quebrou os grandes largueiros de pedra da fermosa solaina. (...) E chorei eu e aínda cando penso nil choro".

Tras a caída premonitoria da árbore, a consecuencia dun temporal, o profesor Julio Francisco Ogando foi quen encargou que da árbore caída polo furacán se fixeran os taboleiros para a construción do féretro de don Ramón. A importancia que teñen os primeiros anos do escritor en Trasalba é significativa da concepción que don Ramón ten da natureza, algo que reflicte este libro de Paco López-Barxas. Unha concepción emocional que sen dúbida determinaría o seu carácter. "Outro dos aspectos destacables deste libro", di Barxas, "é a pretensión do autor por achegar a riqueza linguística de Otero Pedrayo aos lectores máis novos a través dunha selección de termos oterianos, diferenciados cunha tipografía en cursiva".

En poucas liñas, traslada ao lector a grandeza de don Ramón, a súa tenacidade á hora de abarcar Galicia toda, de comprendela en todo o seu conxunto, a súa paixón bibliográfica, mesmo internacional (coa súa primeira tradución de varias páxinas do Ulises de Joyce, como é ben coñecido), pero, sobre todo, aquí temos esoutra paixón polas xeografías, polas xentes e os lugares, pola natureza, a descrición das árbores, as lecturas máis diversas, e os faladoiros. Esta narración de Barxas sobre un dos máximos expoñentes da cultura e a identidade deste país, a pouco máis dun ano para que se celebre o centenario da revista Nós, imprescindible, trasladará aos lectores novos a personalidade dun personaxe irrepetible.

Pensa Barxas que hoxe é necesario regresar a Pedrayo e ao que significa a súa lectura da paisaxe de Galicia, fundamental na súa produción literaria.

E demanda esforzos para que aumente o seu recoñecemento internacional, de xeito que semella insuficiente polo de agora: "Penso que Otero está á altura da figura de Rosalía, pero non goza da proxección internacional desta. É verdade que se está a facer moito desde a Fundación que hoxe preside Juan Luis Saco Cid, os premios Trasalba, os traballos de recuperación de Patricia Arias e Alfonso Monxardin, por exemplo. Pero a obra de Otero tamén hai que proxectala fóra de Galicia, pois o de Trasalba é un creador total".