El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Escritora, xornalista e autora de ‘Últimos bruídos’

Marga Tojo: “De ser algo, son unha poeta moi namorada do xornalismo”

"Escribo versos desde nena, nunca deixei de facelo. Sempre sentín un interese enorme polo poder das palabras"

Marga Tojo presenta en Santiago Últimos bruídos.  - FOTO: Gonzalo Cortizo
Marga Tojo presenta en Santiago Últimos bruídos. - FOTO: Gonzalo Cortizo

KORO MARTÍNEZ SANTIAGO  | 15.12.2016 
A- A+

Acaba de publicar o seu primeiro libro, e de poesía, quizais non é o xénero máis fácil para adentrarse no mundo da literatura?

É o xénero natural para min. Escribo versos desde nena, nunca deixei de facelo. Sempre sentín un interese enorme polo poder das palabras. A linguaxe é das primeiras cousas que se secuestran nos contextos de opresión, por exemplo. Despois fun consciente de que a vida tiña todo o material necesario e que iso era o interesante, as persoas nas marxes, con todas aquelas cicatrices, o horror e a beleza ocultas ou expulsadas. Hai que sacalas á luz. Busquei iso erroneamente na filoloxía por amor ás palabras e só o atopei no xornalismo. Descubrín que tiña todo aquilo que a min máis me interesaba da poesía. A capacidade de destapar realidades silenciadas, causar un impacto no lector que fose quen de lle mover o chan e, tal vez, mudar as cousas. E o material é a realidade inmediata de carne e óso, todo o que ficou agochado e cómpre contar. Foi en Galicia Hoxe onde fixemos a pulso cousas boas. De ser algo, se cadra son unha poeta moi namorada do xornalismo. Agora que ficamos fóra das redaccións por unha crise desencadeada desde as cúpulas do sistema, volvo felizmente ás orixes.

Que se vai a atopar o lector en Últimos bruídos?
Unha poesía con bastante narratividade na que quixen transmitir o desacougo distópico. Ese é o trasfondo das vidas de varias parellas nun escenario de conflicto exterior. O amor nun territorio de opresión, a conciencia do que acontece. E nun caso tamén interior, na relación dunha muller cun home tóxico nunha Compostela de posguerra. Todo nun futuro non moi lonxano.

Escribe Fran P. Lorenzo na contraportada que os poemas de Últimos bruídos son como un diario do retrato desolado e certeiro dun futuro ameazador.
Nese texto fermoso que fai Fran P. Lorenzo, un dos máis grandes escritores que temos, di que non hai acougo para quen o escribe nin para quen se achegue aos versos. A portada, unha ilustración de Roi Fernández, inmenso deseñador, sintetiza tamén moi ben o que hai: amor e distopía. Pero os bruídos –berros, balbordos– queren ser os mapas para abandonar de vez ese deserto.

Estamos cerca da distopía?
A distopía é ficción, pero este simulacro da realidade que se narra cada día tamén o é. Hai dous anos que o presidente do Goberno di que a crise é cousa do pasado, mentres España é o segundo Estado da UE con máis paro de longa duración e feminino, e con máis pobreza infantil. A precariedade fai que haxa persoas cun traballo remunerado e pobres. A reforma laboral foi o pretexto para facerlles aos traballadores pagar as débedas dos furtos económicos. O mundo é un escenario distópico, este ano morreron máis de 4.700 persoas no Mediterráneo mentres fuxían da morte. Votouse non á negociación de paz de Colombia. Certo que foi redactada baixo a egolatría dun presidente que aspiraba ao Nobel da paz. Pero como lle lin ao fotógrafo Gervasio Sánchez, a guerra é sempre perfecta, a paz é imperfecta, pero é mellor que calquera guerra de décadas. En España, a empresa de Morenés vendeulle bombas de racimo a Gadafi no seu día. Malia que hai unha lei que prohibe o comercio de municións cando poidan ser empregadas na violación de dereitos humanos. Este tema sacarámolo na revista dixital Dioivo.

Dioivo segue?
Dioivo foi un proxecto dixital mutante con vocación efémera e moito talento, unha unión temporal de xornalistas que, non obstante, seguimos en contacto e asociados. Os temas que se trataban alí, desde cultura, políticas sociais a deportes, estaban cheos de valentía e tiñan un enfoque infrecuente. Precisamente un día despois de Últimos bruídos preséntase o Bestiario do vestiario, recopilatorio dos artigos deportivos de Martin Wu no Dioivo, con concerto de Grampoder.

Existe un fío argumental entre os capítulos do libro?
Si, son catro historias distintas, catro poemas longos, en realidade, co nexo común do espazo temporal, xeográfico e ideolóxico.

Que papel xoga Galicia?
É o escenario xeográfico. Concretamente Santiago. Gústame como escenario da distopía e de contrastes: a pedra, os efectos do radón, a humidade, a luz incrible cando sae o sol, a beleza, esa convivenza entre o mellor e o peor do ser humano, nun equilibrio ás veces incómodo, como que alentar o odio cara a xente sen teito chegue a parecer sensato ou que haxa quen se crea dono dunha cidade que se algo ten nos alicerces é o tránsito. É a cidade onde nacín e crecín. Absolutamente estimulante, cunha das universidades máis antigas do mundo, cun grande festival de cine. Gústame, porén, reivindicar o poder creativo, artístico e filosófico que xestou no underground, e que buliu a mil nos 90. E estanse a facer cousas boas nela e farense. Como dicía Fran Pérez Narf, somos unha tribo que acredita no futuro.

O libro está cheo de personaxes femininas.
Si, sosteñen o peso dos versos e das historias, representan, entre outras cuestións, a realidade que hai debaixo da versión oficial de todas as Historias.

Preséntao esta tarde no bar El Muelle de Santiago, por que elixiu a capital galega para iso?
Porque é a miña cidade e a sede de Edicións Positivas. Elixín facelo cos amigos de El Muelle por ser un local moi lindo que está de celebración, este decembro cumpre 85 anos. Estarán na presentación Quico Cadaval e Carlos Santiago, dous xenios da dramaturxia e da palabra aos que sempre admirei e que me acompañan a pesar de estaren inmersos en traballos.

Ten xa confirmadas outras datas de presentación?
De momento non. Vivo en Madrid e aínda non cadrei axendas.

Traducirase a outros idiomas?
Gustaríame traducilo, si.

Algún novo proxecto literario?
Acabo de rematar un libro de poesía, para nenas e nenos.

TRAXECTORIA. Marga Tojo traballou no Galicia Hoxe ata o día do seu peche. De formación filolóxica, sempre exerceu no xornalismo e na comunicación. Colabora con eldiario.es, praza.gal, Revista Luzes ou Galiza Ano Cero. É unha das fundadoras do proxecto xornalístico Dioivo. Forma parte do consello editorial de Altermundo. Especializouse en dirección de comunicación. ‘Últimos bruídos’ (Edicións Positivas) é o seu primeiro poemario publicado, que presenta hoxe, ás 20.00 horas, no compostelán bar El Muelle.