El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Marica Campo, autora do ano

A Asociación de Escritores en Lingua Galega tamén recoñece o labor de humoristas gráficos e da portuguesa Silvia Jorge

E.P.SANTIAGO  | 02.02.2013 
A- A+

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (Aelg) elixiu a narradora e poeta Marica Campo como autora do ano, nun galardón que se lle entregará en xuño na súa terra natal de O Incio (Lugo).

Así o confirmou a Europa Press o presidente desta asociación, Cesáreo Sánchez, tras a celebración este sábado da súa asemblea xeral en Santiago de Compostela na que se fixaron as próximas actividades desta entidade e se elixiron aos premiados deste ano.

Marica Campo (O Incio, 1948) é autor de obras poéticas como 'Tras ás portas do rostro' ou 'Pedinche a luz prestada', así como de pezas teatrais como 'Confusión de María Balteira' ou 'O Premexentes non pode cos paxaros rebezos'.

Por outra banda, pasan a integrar a tradicional lista de 'bos e xenerosos' da asociación os humoristas gráficos Xosé Lois 'O Carrabouxo', Pepe Carreiro, Xaquín Marín, Siro e Gogue polas súas "máis de dúas décadas" de traballo co humor en galego.

Así mesmo, o Premio Aelg para institucións foi parar ás asociacións culturais das décadas dos setenta e oitenta como O Galo de Compostela, O Facho da Coruña, Auriense de Ourense, Lumiera de Carballo ou Medulio de Ferrol para recoñecer "o seu labor importante ao longo destes anos".

Este ano tamén se conmemorará o 30 aniversario de Galeusca dedicado á literatura infantil e xuvenil cun acto en Pontevedra na ponte de Todos los Santos de novembro.

Ademais, ratificouse a elección de Silvia Jorge como Escritora Galega Universal de 2013, unha recoñecida autora portuguesa que sucede en premio a autores de talle de Mahmoud Darwish, Juan Gelman, Antonio Gamoneda ou José Luis Sampedro

INCORPORACIÓNS NA DIRECTIVA

Segundo explicou Cesáreo Sánchez, na asemblea deste sábado fíxose un chamamento a "como dicía Rosalía, os tempos de alborada" para que "non se derrote a esperanza a pesar de que sexan tempos malos" e a "traballar ilusionadamente polo futuro da cultura galega".

Na asemblea acordouse manter a mesma directiva da Aelga con algunha renovación como as incorporacións da narradora e profesora da Universidade de Vigo Xina Vega e a poeta das novas xeracións Alicia Fernández.

DÍA DE ROSALÍA

Con motivo do Día de Rosalía, que ten o lugar o 24 de febreiro, a Aelg celebrará un acto central no Panteón de Galegos Ilustres ás 12.00 horas.

Previamente, o 22 de febreiro levarán a cabo diversas actividades escolares, mentres que o 23 de febreiro se realizará a lectura de poemas en diversas localidades galegas.