El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Mestura equilibrada entre a natureza e a arte no Land Art

Vinte creadores de diversos ámbitos realizaron obras empregando só materiais da zona, como ramas ou piñas

Unha das esculturas realizadas por Camilo Seira durante a xuntanza - FOTO: C. Seira
Unha das esculturas realizadas por Camilo Seira durante a xuntanza - FOTO: C. Seira

LUCÍA PUGA OURENSE  | 12.07.2019 
A- A+

Os días 6 e 7 de xullo tivo lugar o primeiro encontro de Land Art realizado en Galicia. Celebrouse en Seira (Rois) e reuníu un total de vinte artistas de diferentes ámbitos e estilos que buscaron facer unha homenaxe á natureza.

Partindo do concepto tradicional do Land Art, manifestacións artísticas que naceron en Estados Unidos nos anos 60 ligadas ao coidado e aprecio da terra, o escultor e pintor Camilo Seira botou a andar esta nova iniciativa apoiado pola galería Os catro gatos.

Seira indicou a EL CORREO GALLEGO que esta idea levaba anos rondando a súa cabeza, xa que o lugar elixido (o Agro do Souto, un terreo de tres hectáreas situado na aldea de Seira) é familiar para el. A pesares de partir do mesmo concepto, esta xuntanza buscaba adaptarse á actualidade.

As bases do propio encontro establecían que só se podía traballar con materiais atopados na zona intervida, como ramas, piñas, espadanas, canas, herbas ou pedras, intentando manter o equilibrio natural da paisaxe. Non obstante, estaba permitido empregar diferentes ferramentas, como navallas, tesoiras, brochas ou luvas.

Os vinte artistas, que conviviron durante dous días completos, proviñan de diferentes ámbitos, como son a escultura, a pintura ou a xardinería, entre outros. Aínda que nun principio cada un deles tiña unha idea propia de que facer, tamén houbo momentos nos que varios participantes traballaron de forma conxunta, complementándose.

Con respecto á convivencia, o escultor explicou que foi unha agradable experiencia caracterizada pola fraternidade, na que aprenderon uns doutros.

Os resultados finais foron, na súa opinión, un total éxito, xa que todos os creadores conseguiron saír da súa zona de confort para construír “unha pegada humana dentro dese mesmo espazo sen esnaquizalo e sen alteralo”.

Algunhas das obras fotográficas poderanse ver expostas nun futuro na galería compostelana Os catro gatos. Desta forma, “aínda que non contan exactamente o que nós vimos, é interesante xa que fan que as accións realizadas perduren no tempo”.

Cara o futuro, o organizador explica que é posible que se faga unha segunda edición. De ser así, seguiría a mesma liña temática e buscarían mellorar pequenos detalles.