El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

{firma invitada}

O México surrealista de P. Tinoco

FRANCISCO MARTÍNEZ BOUZAS  | 25.02.2011 
A- A+

PAOLA TINOCO é a representante de Anagrama en México e a xefa de prensa dun mangado de editoriais españolas naquel país. Ela, voz e mans, pois, de editores e escritores de medio mundo en México DF en na FIL de Guadalaxara, "conxuro" no seu día para a filla de Roberto Bolaño, ten aturado millentas veces a escritores insufribles e as excentricidades das súas parellas. Sempre do lado de alá do mostrador, ata que decidiu situarse tamén na beira de acá e elixiu para facelo o xénero do relato breve porque os contos, confesa, permítenlle levitar. A orixe das súas levitacións atópanse nunha liñas cheas de borranchos e faltas de ortografía que, con sete anos, lle escribiu á mestra facéndose pasar pola súa nai. Xa de moza publicaría algúns "cuentitos" ata que, no ronsel quizais desa alfaia de culto, Crímenes ejemplares, que Max Aub publicou en 1957 en México, levitou de verdade cando a editora española Páginas de Espuma lle editou hai cinco meses o seu primeiro libro de contos, Oficios ejemplares.

O fío condutor deste ramallete de relatos é os oficios e formas alucinadas de gañarse a vida nun escenario, o México atemporal e o México de hoxe, onde a realidade cotiá rolda as fronteiras do surrea­lismo. Nesa xeografía, na que o día de mortos a xente fai festa se embebeda con tequila, Paola Tinoco, a través do xénero da recompensa inmediata, mergúllase nas formas máis incribles de apañar o pan de cada día. Oficios inverosímiles e dificilmente imaxinables, máis todos reais, agás o inventado de "Sanatriz", a muller que cobra por axudar ás persoas con crise nerviosa a recuperar os seus soños. O resto son verdades absolutas. Desde o emprego de deixarse maltratar en público, porque ao sesentón necesitado de respecto, lle resultaba más excitante a idea de insultar a unha fermosa muller que facerlle o amor; o traballo inquietante de Mario, o mergullador de cemiterio que, metido nun escafandro, pescuda na fosa común os corpos sepultados por erro entre insoportables cheiros noxentos que contrarresta con tragos de tequila; ata o da señora gordecha que apouviga a fame rezando rosarios nas longas rezadas dos velorios a cambio do salario dun "cafetito" entre rezo e rezo. E una pequena obra de arte, Lavacoches: en vinte e cinco liñas a autora condensa un tremendo arrepío, retrato verosímil do México hemorráxico e paranoico: dous rapaces gañan unha boa paga limpando o sangue que deixan nos coches os asasinados polo narcotráfico. Un rodopío de historias esteadas no esqueleto do diálogo, nunha imaxinación sen lindes, contadas directamente, sen requintes estilísticos e que, desde o humor e a brevidade, radiografan e iluminan as zonas escuras dun pais abeirado entre a demencia e o surrealismo.









Galiofer es un portal de ofertas y descuentos en Galicia. Las mejores ofertas en Salud y Belleza, Hogar, Regalos, Restaurantes, Escapadas...