El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

O Museo Centro Gaiás convertirase en cidade de Nadal cunha árbore xigante

Figuras de globos, obradoiros para nenos, espectáculos circenses-musicais e unha gala de magos, protagonistas das actividades artelladas para estas festas

Mostra dun obradoiro para a cativada, similar aos que haberá na Cidade da Cultura - FOTO: XdG
Mostra dun obradoiro para a cativada, similar aos que haberá na Cidade da Cultura - FOTO: XdG

MARÍA AYALA   | 02.12.2019 
A- A+

A Xunta de Galicia convida as familias a gozar do 13 de decembro ao 6 de xaneiro de Nadal no Gaiás cunha programación que transformará a Cidade da ­Cultura nunha urbe de conto, ateigada de cor, figuras de globos, obradoiros para a cativada, un espectáculo circense-musical e unha gran gala de magos, chegados de todos os recunchos do planeta, xa que a maxia será a protagonista das ­actividades artelladas para estas festas.

A programación de Nadal no Gaiás foi presentada onte en Pontevedra na Feira das Industrias Culturais (Culturgal), onde se celebrou un obradoiro para a cativada, similar aos que se desenvolverán de balde na Cidade da Cultura. O obxecto é que nestes talleres os pequenos e pequenas elaboren por eles mesmos -guiados e axudados por monitores- os adornos que colgarán na árbore xigante que presidirá o Hall de Tirantes do Museo Centro Gaiás, e que foi todo un éxito entre a rapazada e familias o pasado ano.

Precisamente, ao redor desta árbore xigante emerxerá unha pequena grande urbe, ateigada de casiñas de cores, luces, renos, bastóns de caramelo, trasnos, farois e varios personaxes carismáticos para recrear de cara a todos os visitantes un mundo de conto, no que non faltarán figuras propias destas festas elaboradas a partir de globos.

A temática da maxia verase reforzada polo espectáculo de música e circo Orquestra de malabares, que se celebrará o 14. Os malabaristas de Pistacatro teñen argallado un abraiante número de danza aérea nun fermoso diálogo escénico coa banda Unión Musical de Meaño.A entrada é de balde, previa retirada de convite, que xa se pode facer no mesmo museo.

Esta actuación forma parte do ciclo Viraxes, que desde o pasado 21 de ­setembro amosa proxectos de bandas populares de música se atreven con outras disciplinas artísticas e que, por tal aportación, foron ­seleccionados nos Premios Innova da Agadic. Como alfinete de ouro a unha programación coa maxia como protagonista, o sábado 28 celebrarase a Galicia Magic Fest, unha gran gala organizada polo mago galego Pedro Volta. Este espectáculo xunta nun mesmo escenario a un total de sete ilusionistas chegados de todos os recunchos do mundo, que atesouran diferentes recoñecementos internacionais nesta disciplina, e entre os que se atopa un gran premio mundial como é Norbert Ferré.

Como todos os anos, no Nadal no Gaiás non falta o tradicional concurso de postais, que se abre á participación da cativada, ata os 9 anos de idade. Ata o 22 de decembro pódense enviar por correo postal ou electrónico (online@cidadedacultura.org) as creacións.

Por outra banda, a Xunta e Edicións Positivas deron a coñecer onte en Culturgal a publicación de DramaturXa, novo volume da colección do Centro Dramático Galego 'O papel do teatro', que ­reúne 10 dos textos ­xurdidos no grupo de traballo que en 2018 coordinou o director e autor Manuel Lourenzo para a compañía pública.

Ademais, anunciou a próxima convocatoria dos premios de literatura Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, Manuel María de literatura dramática infantil e Barriga Verde de textos para teatro de monicreques.

 


Clausura. Culturgal pechou a súa décimo segunda edición e despediuse anunciando as datas da edición número trece: do 27 ao 29 de novembro de 2020 en Pontevedra. Alén das cifras de público, semellantes ás das últimas edicións con algo máis de catorce mil persoas, a organización da Feira recalca o valor cualitativo da feira.