Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Nova Ola de San Sadurniño: benvidos ao I Chanfaina Lab

O Concello organiza un proxecto audiovisual con autores da 'nouvelle vague' galega // Os autores presentarán pezas de entre 3 e 5 minutos sobre as sete parroquias

    O carácter espontáneo de San Sadurniño demandaba a berros o seu propio Jean Luc Godard. Ecolóxico, tradicional e ao mesmo tempo revolucionario, este concello de Ferrolterra lanzará na primeira semana de setembro o I Chanfaina Lab. Este proxecto con nome carnívoro pretende xuntar a creadores do mundo audiovisual galego, con pequenas obras sobre as sete parroquias de San Sadurniño. Co apoio do Concello e coordinado por Manolo González, propón unha especie de 'nouvelle vague' ou Novo Cinema Galego coa presenza de boa parte dos seus integrantes.

    A cita celebrarase entre os días 6 e 7 de setembro en San Sadurniño, "nunha novidosa experiencia de creación audiovusial que converterá o municipio en referente para ese Novo Cinema Galego". Os directores participantes deberán preparar durante eses días unha peza de entre 3 e 5 minutos, coa condición de reflexar a vida das sete parroquias do municipio: "A paisaxe, a xente, as vidas, as historias..." Do proxecto encárgase o académico do audiovisual, Manolo González, coimpulsor e director durante anos da Escola de Imaxe e Son da Coruña, recoñecido co premio honorífico Fernando Rey da Academia Galega do Audiovisual. Na iniciativa tamén traballan a responsable da aula Cemit, Carme Suárez, e a produtora Beli Martínez.

    O primeiro día farase unha visita guiada polo municipio, e o segundo iniciarase a filmación. As pezas deberán estar listas en Nadal, para estar dispoñibles na web municipal, redes sociais e a plataforma Fálame de San Sadurniño. Segundo os organizadores, "o proxecto denomínase Chanfaina Lab pola analoxía cun prato típico da zona onde se mesturan distintas partes do porco, queremos buscar moitas miradas sobre a realidade dun territorio común". Xunto cos autores desta 'nouvelle vague' tamén participarán representantes do audiovisual de San Sadurniño como Sabela Cinza, Ary López, Miguel Noval ou César Galdo.

    21 ago 2014 / 20:23
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito