El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Ortigueira volta á súa orixe tras 41 anos como reino folk

Durante catro días agárdanse alí entre 70.000 e 100.000 persoas // Os bretóns Gwendal inauguraron esta edición

FESTIVAL Unhas das agrupacións da xornada de onte en Ortigueira - FOTO: Kiko Delgado
FESTIVAL Unhas das agrupacións da xornada de onte en Ortigueira - FOTO: Kiko Delgado

PATRICIA HERMIDA FERROL  | 12.07.2019 
A- A+

No máxico norte galego, o folk sempre actuou como banda sonora das nosas vidas. Presente en celebracións, bares e mesmo discotecas, reaviva a memoria do mitificado pasado celta. E como xoia desa coroa musical, segue destacando Ortigueira. O seu Festival Internacional do Mundo Celta cumpre xa 41 anos. E arrancaba onte con Gwendal: un grupo moi ligado á historia musical de Ferrolterra, Eume e Ortegal. De feito, os rapaces da Transición aínda recordan aquel concerto no instituto Sofía Casanova (antigo Feminino de Ferrol) entre 1979 e 1980.

A banda instrumental procedente da Bretaña francesa era o prato forte desta edición. Desde onte e ata o domingo, a cita agarda entre 70.000 e 100.000 visitantes. Este ano o lema é #OitoNaciónsUnhaCultura. E xa nunha entrevista concedida á organización, os membros de Gwendal indicaban que “a importancia do festival é facer unha reunión de grupos de música de diferentes países e ofrecer ao público a riqueza do traballo unidos pola mesma paixón”. De paso recalcan que “toda Europa foi celta á vez, non hai unha cultura celta senón moitas culturas celtas”.

A cita arrancaba co citado concerto despois do desfile de bandas ata a Alameda e a actuación dos finalistas de Runas. E a madrugada chegou cos andaluces Stolen Notes. Para este venres, o Escenario Estrella Galicia acollerá aos escoceses Peoples Ford Boghall & Bathgate Caledonia Pipe Band, a Escola de Gaitas de Ortigueira, os irlandeses Moving Hearts, a galega Anxo Lorenzo Band e os escoceses Project Smok. A noite do sábado chegará cos bretones Bagad Kerlenn Pondi, os irlandeses Dominic Graham School of Irish Dance, os escoceses Shooglenifty, os ingleses Flook e os polacos Beltaine. E a festa rematará o domingo coa Noite de Galicia, a cargo de A.C.F. O Fiadeiro, Tanxugueiras, Leilía e Andrés Penabad Band.

O festival tamén se trasladará estes días ao Teatro de Beneficiencia cos irlandeses BackWest e Zöe Conway & John McIntyre. Haberá obradoiros no IES Ortigueira, cursos de fotografía documental de rúa e exposicións. En canto ao transporte, os buses urbanos son ininterrumpidos desde as 10.30 ata as 06.00 da mañá. E aportaranse servizos especiais desde A Coruña, Ferrol, Santiago e Lugo.

A web da organización www.festivaldeortigueira.com facilita ademáis información sobre os servizos de atención médica, coa dirección das farmacias e as ambulancias preparadas para baixar ao campamento. Aconsella “durmir e deixar durmir aínda que só sexan unhas horas ao día, comer ben e beber auga de cando en cando para evitar unha posible deshidratación”.

E sobre todo recomenda “sentidiño… se chegaches ata aquí é para pasalo ben, procura chegar vivo ata o último día do Festival”.

Todo un lema que podemos aplicar ás nosas vidas, e non só a este celebérrimo Mundo Celta.