El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Ourense acolle a filmación da película 'Que fixemos mal?'

Dirixido e protagonizado por Liliana Torres, este filme está producido por Matriuska e conta co apoio por parte de Xunta

Jacobo Sutil, esquerda, Jesús Vázquez, Liliana Torres, Xúlio Abonjo e Daniel Froiz, no Café Latino de Ourense  - FOTO: ECG
Jacobo Sutil, esquerda, Jesús Vázquez, Liliana Torres, Xúlio Abonjo e Daniel Froiz, no Café Latino de Ourense - FOTO: ECG

MARIO ÁLVAREZ  | 15.05.2019 
A- A+

O equipo de Que fixemos mal? continúa a súa rodaxe en Galicia, con localizacións no Courel, Vigo e a cidade das Burgas. Na capital da provincia ourensá fílmanse estes días diferentes escenas da primeira longametraxe da directora catalá Liliana Torres, producida pola compañía pontevedresa Matriuska co apoio económico da Xunta.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou onte na presentación deste proxecto, nun encontro informativo no emblemático Café Latino, un dos escenarios da rodaxe.

No acto participaron tamén o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, o produtor Daniel Froiz, a directora e protagonista, Liliana Torres, e Xúlio Abonjo, un dos actores galegos que integran o elenco xunto con Melania Cruz ou Jorge Roldán, entre outros.

A rodaxe arrancou o pasado 29 de abril en Seoane do Courel e desenvolveuse en Barbadás e no aeroporto vigués de Peinador, entre outros lugares.

Trala súa estadía en Galicia, o equipo continuará a rodaxe a partir de s­etembro ata finais de ano en Barcelona, Cidade de México e Verona.

Na súa intervención, o director da Agadic valorou de xeito moi positivo o desenvolvemento deste proxecto audiovisual galego, "que avanza" -dixo- "dun xeito firme no camiño da súa distribución internacional, dándolle forma ademais a un guión que está a ser rodado en catro idiomas".

Tamén fixo referencia á calidade da nómina de profesionais dos ámbitos artístico e técnico: "un equipo no que se atopan moitos nomes galegos coñecidos e cuxo traballo estes días está a dinamizar os recursos da nosa industria audiovisual", expresou.

Que fixemos mal?, rodada en galego, castelán, italiano e inglés, está coproducida pola distribuidora independente Avalon e a produtora barcelonesa Miss Wasabi, da que é presidenta Isabel Coixet. Conta con participación de TVG e TVE.

A fita é a historia dunha ficción construída sobre unha realidade: a da reflexión sobre os erros cometidos na vida co tema central das relacións e das crises de parella.