El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Ourense axuda a reforzar a maior rede da cultura termal en Europa

O presidente provincial destaca o papel dos gobernos locais na valorización dos recursos do territorio e a súa capacidade para vincular áreas urbanas e rurais

Fotografía de familia dos integrantes da Asociación de Cidades Termais Históricas de Europa, onte en Ourense. - FOTO: ECG
Fotografía de familia dos integrantes da Asociación de Cidades Termais Históricas de Europa, onte en Ourense. - FOTO: ECG

MARIO ÁLVAREZ   | 05.10.2018 
A- A+

Ourense como un territorio "que fortalece a maior rede europea da cultura termal nos ámbitos científico, turístico e de saúde", así definiu onte a provincia galega o presidente da Deputación Provincial de Ourense e vicepresidente da Asociación de Cidades Termais Históricas de Europa (Ehtta), Manuel Baltar.

Na inauguración da asemblea da asociación termal europea, Baltar remarcou "a responsabilidade dos gobernos locais intermedios na valorización dos recursos do territorio, como único nivel administrativo con capacidade e visión para reforzar o vínculo entre áreas urbanas e rurais", e lembrou no seu discurso á figura do doutor Luis Rodríguez Míguez, "un dos pioneiros no estudo do termalismo, a quen a Deputación de Ourense vén de concederlle, a título póstumo, a medalla de ouro da provincia".

No acto, celebrado no salón de plenos do Concello de Ourense, coa participación de medio cento de delegados dos principais destinos termais de Europa, o presidente provincial puxo como exemplo de cooperación e optimización de recursos ao proxecto Provincia Intelixente. "O seu desenvolvemento permitirá a prestación de servizos innovadores, sentando as bases para un novo modelo produtivo tecnolóxico, sostible e vinculado ao coñecemento e ao noso territorio", dixo Baltar.

Pola súa banda, Giuseppe Bellandi, presidente da Ehtta, coincidiu con Baltar na vantaxe que supón para Europa "contar cunha rede de networking como a que abrangue o termalismo, pois as diferentes identidades e culturas que temos son unha fonte que nos enriquece constantemente".

Bellandi presidiu o desenvolvemento da asemblea, na que que analizaron ademais temas económicos, proxectos, publicacións e a axenda de actividades científicas e promocionais da rede, e puxo o acento "en seguir mantendo o tesouro que significa a auga termal como canle de entendemento, progreso e competitividade para os nosos territorios". Así mesmo, animou a seguir coas estratexias de investigación e desenvolvemento turístico "nun sector forte e de grandes potencialidades".

Na asemblea, coorganizada pola Deputación e o Concello de Ourense, tamén participaron o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Ademais dos relatorios, o programa deste cumio termal inclúe visitas guiadas a diferentes enclaves termais da cidade e da provincia. Para hoxe, está previsto que os asistentes realicen unha visita á Ribeira Sacra e o balneario de Laias Caldaria, participando nunha presentación de diversos programas de termalismo.