El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Médico e escritor

Pablo Vaamonde: “A cultura galega está sometida a un proceso de exterminio”

{Galicia Hoxe} “Foi o primeiro xornal editado en galego. Despois de perto de 3000 números pechou debido aos brutais recortes aplicados. Sinto moita nostalxia por aquel fermoso diario que me acompañaba todas as mañás”

Pablo Vaamonde - FOTO: ecg
Pablo Vaamonde - FOTO: ecg

MARÍA ALMODÓVAR SANTIAGO   | 23.02.2020 
A- A+

Que frases con tanto sentimento e canta sabedoría hai nelas. "Afecto, alimento principal para medrar con saúde". "Un dos espectáculos máis espléndidos que se poden presenciar nesta vida é ver medrar a un neno".

En calquera momento da vida o afecto resulta nutritivo e protector: nada hai tan valioso como sentirse querido. Mellora a vida e conserva a saúde. Pero na infancia é imprescindible: os nenos que se sinten queridos (non hiperprotexidos nin consentidos, que é ben distinto) medran mellor e son máis felices. Fixen extas reflexións cando naceron os meus netos. É unha experiencia marabillosa: o afecto que xurde e o os sorrisos que nos regalan teñen un efecto absolutamente sanador.

Que sensacións lle produce ver no libro 'Pavillón de repouso' ­(Medulia Editorial) os artigos publicados no sempiterno 'Galicia Hoxe', cuxo lugar non ocupa ningún ­xornal?

Pavillón de repouso naceu como unha sección de Galicia Hoxe; quen a bautizou foi o seu director, o meu amigo Caetano Díaz. Tiven unha longa colaboración nese xornal onde me sentín sempre ben acollido. Cando desapareceu, iniciei un blog co mesmo nome no que fun publicando textos con regularidade durante unha década. Eu son médico de familia e a temática predominante nos textos é a saúde, a política sanitaria e a crítica social. Tentei converter o blog nun lugar de reflexión, nunha ferramenta de combate que permitise crear un discurso alternativo ao dominante. Coido que foi útil: moitos argumentos e reflexións tirados desas páxinas foron utilizados polas múltiples plataformas galegas que hoxe defenden a Sanidade Pública en Galicia.

Sobre todo, teño que salientar o artigo 'Galicia Hoxe: unha morte anunciada'. Parece que foi onte, ¿verdade?

Galicia Hoxe foi o primeiro xornal editado en galego. Despois de perto de 3000 números (2003-2011) pechou debido aos brutais recortes aplicados. Sinto moita nostalxia por aquel fermoso diario que me acompañaba todas as mañás. As institucións que nos representan teñen a obriga de defender e apoiar os elementos propios que nos identifican e representan: a maior creación cultural de Galicia é a propia lingua, que está sendo atacada desde o propio poder.

A eliminación de Galicia Hoxe é un feito irreparable neste camiño de extinción. E non só perde Galicia: perde a humanidade enteira. A diversidade cultural é unha aportacion para a humanidade, é unha riqueza enorme que debe ser defendida, protexida e potenciada como se tenta facer coas especies en extinción. Mais, nos tempos de hoxe, os actuais gobernantes están a facer todo o contrario.

Cre que segue asfixiada a cultura galega?

A cultura galega está sometida a un proceso de exterminio. Os actuais gobernantes non se sinten na obriga de protexela e potenciala, senón que actúan con premeditación, e mesmo con saña, contra todo o que cheire a galego. Ademais de Galicia Hoxe desapareceron varios xornais dixitais, os traballadores do audiovisual viven momentos difíciles (ou teñen que buscar a vida fóra de Galicia), a industria editorial recibe cada vez menos apoios o -que fai perigar a súa continuidade-, e a partida orzamentaria dedicada a potenciar o galego merma continuamente. Mentras tanto enterran millóns de euros nunha construción arcaica e innecesaria como é o Gaiás.

Vostede é un firme defensor do noso idioma. Se de vostede dependese, que faría para que o galego deixase de cambalear?

O porvir do idioma non está na literatura: está na rúa, nos lugares de lecer e de traballo, nos hospitais e nas escolas e, máis que nada, nos parques dos xogos infantís. O idioma está menguando porque se perde, sobre todo, nas xeracións novas: aprenden gramática nas aulas, pero non o utilizan na vida cotiá. Esa eiva, e outras moitas, só se poden corrixir desde a acción política. E a actuación política non se executa nos discursos nin nos medios de comunicación: as políticas fanse por medio do DOGA e dos orzamentos.

Hai que falar e escribir galego inda que sexa mal?

O galego mal falado non existe. Hai xente que di: "eu non falo galego porque non o falo ben". Hai persoas nas aldeas que se sinten en inferioridade por entender que a súa fonética, que o seu xeito de pronunciar non é o académico. Eles son os que falan ben, os que teñen as palabras e os xiros verbais propios do noso idioma. Eles falan mellor que moitos locutores da tele-gaita. Cómpre vencer este pudor que fai, moitas veces, esconder a propia fala. E os castelán-falantes que deciden adoptar o galego como lingua propia: benvidos sexan, aínda que o seu falar non sexa perfecto.

Podemos dicir que algúns dos artigos están de actualidade?

Dos centenares de artigos publicados durante máis dunha década fixen un recompilatorio daqueles que me parecían de mellor calidade literaria e que, ademais, non estivesen caducados por referirse a tempos e feitos ­pretéritos que xa non tiveran interese nos tempos de hoxe. Todos foron publicados no seu día. Algúns lectores -os meus amigos- van coñecer a maioría deles. Pero ­penso que non perderon actualidade: moitas crónicas e ideas que ­aparecen nestas páxinas serven para lembrar de onde vimos e para reflexionar sobre o tempo presente.

Un médico é mellor profesional se ten sentimentos e os ­exterioriza?

Na práctica sanitaria é imprescindible unha cualidade: ter interese polas persoas. Somos unha profesión de axuda, que tentamos protexer a saúde dos nosos pacientes, curar (cando é posible), aliviar (case sempre) e acompañar (sempre). A vivencia da enfermidade vai acompañada de incerteza; por eso os médicos, ademais de competencia técnica debemos ter capacidade para a empatía, para conectar cos temores de quen busca o noso apoio e procurar informar e tranquilizar o mellor posible. A formación científica por si sola non abonda: o enfermo é un ser humano que padece e ten medo á doenza. Non é só un vehículo cunha avaría: é moito máis. Na consulta sempre hai transferencia de sentimentos, e aqueles que levamos moito tempo coa mesma xente chegamos a establecer vínculos de afecto que van máis aló do profesional.

Este libro divídese en dúas partes: A primeira ten catro capítulos (Vidas, Nomes, Libros e Galicia). A segunda, tres (Ideas, Crónicas, e Sanidade). Podería destacarme un artigo de cada capítulo?

O libro é unha escolma de artigos. Se fosen publicados por orden cronolóxico, sería unha lectura desordeada e pouco congruente. Agrupados en bloques entendo que teñen unha certa coherencia e que constrúen un relato máis autobiográfico do que eu pensaba. Na primeira parte falo dos meus netos que me regalan tanto afecto, dalgunhas persoas que foron importantes nalgún momento da miña vida, dalgúns libros que me acompañaron nestes anos; tamén dedico algúns textos a reflexionar sobre o presente de Galicia e as posibilidades de futuro. Na segunda parte hai un feixe de artigos nos que recollo ideas sobre temas moi relevantes nos tempos de hoxe (a corrupción, o retroceso social, a perda de dereitos e, sobre todo, a desigualdade: todos estes aspectos teñen un impacto tremendo na nosa vida e na saúde colectiva). Aporto tamén algunhas crónicas sobre os personaxes corruptos da última década e sobre o uso indecente das portas xiratorias. O capítulo final recolle textos sobre o deterioro da política sanitaria en Galicia.

Unha curiosidade: pode explicarme a portada do libro, que se presentará o día 27 na sede de Medulia Editorial, na Coruña?

A portada do libro é obra dun pintor e psiquiatra amigo meu (Jesús Cubillo). Titúlase Notas desde a terra e pode ser unha homenaxe á natureza ou á música que aflora desde o profundo (que cadaquén o interprete ao seu xeito). Nas páxinas interiores hai varios debuxos do gran ilustrador Xosé Cobas (amigo da infancia e barcalés coma min) que lle dan moita alegría e cor a este volume.

'XENERALISTA'. O doutor en Medicina e especialista en Bioquímica Javier Peteiro Cartelle di de Pablo Vaamonde que "é un médico ao que, aínda que especializado en Medicina de Familia e Comunitaria, pódeselle atribuír adecuadamente o termo 'xeneralista', e non só porque traballe en Atención Primaria, senón pola visión xeral, universal, que ofrece da Medicina e do contexto en que se exerce. Este contexto supón o particular do tempo biográfico e histórico, das condicións xeográficas, sociais, políticias; implica a relación coa ciencia, pero tamén coa crenza sanadora, unha crenza que, no caso galego, ten un carácter tradicional específico, cunha estraña mestura de maxia e empirismo".