El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Percorrido pola vida de Fraguas cunha exposición na Ánxel Casal

'Memoria dun soño. Viaxe a unha Galicia orgullosa de si mesma' reivindica a figura e a traxectoria do homenaxeado deste ano no Día das Letras Galegas

O conselleiro de Cultura, onte ante o resto de autoridades durante a súa intervención na apertura da exposición - FOTO: ECG
O conselleiro de Cultura, onte ante o resto de autoridades durante a súa intervención na apertura da exposición - FOTO: ECG

LUIS MONTERO   | 16.04.2019 
A- A+

A compostelán biblioteca Ánxel Casal acolle desde onte Antonio Fraguas, memorias dun soño. Vaixe a unha Galicia orgullosa de si mesma, conmemorativa das Letras 2019. Unha exposición que foi inaugurada polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, nun acto no que estiveron presentes familiares do escritor, así como o presidente da Fundación Antonio Fraguas Fraguas, Justo Beramendi; o máximo representante da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; a titular do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e membros dos concellos de Cerdedo-Cotobade e de Santiago.

Consta dun cuadríptico explicativo e paneis que percorren a vida de Fraguas e, ao tempo, vanse ofrecendo datos acerca da sociedade, da economía ou da política de cada momento histórico, que axudan a comprender tanto a súa figura como a súa obra.

Román Rodríguez destacou que foi "un soñador cos pés na terra porque sempre tivo a Galicia como norte e traballou por ela incansablemente". "Hoxe, a través desta mostra, celebramos a súa traxectoria honesta e leal coa súa terra e a súa cultura", engadiu, e resaltou o acerto da RAG na súa decisión de homenaxearlle no Día das Letras.

Nesta apertura tamén participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo.

A exposición amosa doce paneis que achegan ao visitante á persoa de Fraguas. Deste xeito, o denominado Universo Insuela fai referencia á infancia e ao contacto que tivo desde o berce coa cultura popular.

En O destino non estaba escrito preséntase un punto de xiro na vida daquel neno que parecía abocado a emigrar ao Brasil e Pontevedra, o primeiro agromar galeguista fala dos seus anos como alumno de secundaria e da influencia dos profesores que atopou, como Castelao, Sobrino Buhigas ou Losada Diéguez. Así mesmo, Santiago, a cidade no corazón, aborda a súa etapa como universitario, que trae o ingreso no Seminario de Estudos Galegos e nas Irmandades da Fala.

Docencia e compromiso céntrase na vocación docente e no seu activismo cultural na Estrada nos anos previos á Guerra Civil. Esta, xunto coas súas nefastas consecuencias para el e as súas aspiracións galeguistas, trátanse en Medo e reconstrución.

Mentres, Fraguas, a paixón polo coñecemento, dedícase ao polígrafo que ten a Galicia como obxecto de interese nos campos que aborda e outro dos paneis detense no que foi, de todos os ámbitos aos que se dedicou, aquel en que destacou especialmente: o de investigador, divulgador e valedor da cultura popular.

Un museo para a alma de Galicia amosa o seu papel na xestación e os primeiros pasos do Museo do Pobo Galego, do que foi director.

En Ás veces, os soños cúmprense, compróbase como ao final viu como comezaba a materializarse aquel vello soño da autonomía, en cuxas institucións culturais participou.

Román Rodríguez

Conselleiro de Cultura e Turismo

"Foi un soñador cos pés na terra porque sempre tivo a Galicia como norte e traballou por ela incansablemente. Hoxe celebramos a súa traxectoria honesta e leal"









Galiofer es un portal de ofertas y descuentos en Galicia. Las mejores ofertas en Salud y Belleza, Hogar, Regalos, Restaurantes, Escapadas...