El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Picasso: pintura e poesía

Unha exposición presenta a súa estreita relación con Paul Eluard

Dora Maar, Picasso y Eluard en la entrada del Palacio Ideal del cartero Cheval, Hauterives, 1937. Fotografía a las sales de plata. Saint-Denis, musée d’art et d’histoire Paul Eluard D CG 98.05. © Dora Maar VEGAP, Barcelona 2019. © Sucesión Pablo Picasso, VEGAP, Madrid 2019 - FOTO: © Dora Maar VEGAP, Barcelona 2019. © Sucesión Pablo Picasso, VEGAP, Madrid 2019
Dora Maar, Picasso y Eluard en la entrada del Palacio Ideal del cartero Cheval, Hauterives, 1937. Fotografía a las sales de plata. Saint-Denis, musée d’art et d’histoire Paul Eluard D CG 98.05. © Dora Maar VEGAP, Barcelona 2019. © Sucesión Pablo Picasso, VEGAP, Madrid 2019 - FOTO: © Dora Maar VEGAP, Barcelona 2019. © Sucesión Pablo Picasso, VEGAP, Madrid 2019

JOAQUIM VENTURA  | 03.12.2019 
A- A+

Sendo, como foi, Pablo Picasso un nome de alta sensibilidade –que diría Vicente Risco-, non sorprende a priori a súa relación coa poesía e con poetas. Máis aínda cando o pintor malagueño tivo unha estreita vinculación co mundo editorial, moi especialmente con libros de bibliófilos, nos cales os textos literarios máis requintados, as poesías, tiveron un papel destacado.

O Museu Picasso de Barcelona presenta a exposición Pablo Picasso-Paul Eluard, unha amizade sublime (ata o 15 de marzo de 2020). Nos seus primeiros anos en París, Picasso fixo amizade con Guillaume Apollinaire e sentiu moito a súa morte causada polo andazo de gripe en 1918.

Na década dos vinte, o malagueño coñeceu a Paul Eluard, poeta pertencente ao movemento surrealista. Se ben Picasso apenas tivo participación nesta corrente, non resulta insólita tal relación. Dalgún xeito, se o cubismo torcía a imaxe real sen saír dos límites do recoñecemento, o surrealismo forzábaa ata acadar unha dimensión onírica ou alucinada.

Pero se isto resulta evidente no campo da pintura, na poesía o resultado eran uns textos de gran sinxeleza verbal pero de contido fantástico, case irreal. E poemas así son os que Paul Eluard dedicou a Picasso desde 1926. Resultan salientables os que tiveron a súa xénese na guerra civil española. En xaneiro de 1936, o grupo Amics de l’Art Nou (ADLAN) organizou en Barcelona unha exposición de Picasso, a primeira desde 1900 na capital catalá. Nela, Paul Eluard actuou de embaixador do pintor e pronunciou unha conferencia, que foi transmitida por radio, antes de viaxar a Madrid.

A amizade entre o pintor e o poeta, quince anos máis novo, non tiña so unha base estética e creativa. Coincidían tamén na visión que tiñan do amor e do sexo, da afectividade e na orientación política, especialmente cando en 1935 Eluard comezou a discrepar de André Breton verbo do stalinismo.

E foi o poeta quen presentou a Picasso a fotógrafa surrealista Dora Maar, que pasou a ser a compañeira do pintor unha vez que este superou a relación dupla e conflitiva con Marie-Thérèse Walter e Olga Kokhlova. En 1929 Eluard separouse de Gala –que pasou a casarse con Salvador Dalí en 1932- e coñeceu a Nusch (nacida María Benz), artista e modelo vinculada ao surrealismo, coa que se casou en 1934.

Foron aqueles uns anos de moita intensidade entre as dúas parellas, ata o punto de compartir vacacións de verán tres tempadas seguidas. Dunha delas, a exposición presenta unhas fotos, espléndidas, de Dora Maar con Picasso e Eluard raiados polo sol que atravesa un canizo posto a maneira de teito dunha terraza. Naquel tempo, o malagueño fixo moitos retratos de Dora Maar e de Nusch Eluard.

A relación coa fotógrafa –situada na extrema esquerda- aumentou a politización de Picasso. Despois da sublevación militar de 1936, o pintor púxose ao servizo da República española. Os bombardeos contra Madrid motivaron que Eluard escribise “Novembro 1936”, o seu primeiro poema claramente político, publicado o mes seguinte en L’Humanité. Esta composición inspirou a Picasso os gravados de Sueño y mentira de Franco, publicados en xaneiro de 1937.

Cando os nazis ocuparon París, Eluard foi mobilizado, circunstancia que o afastou de Picasso, que permaneceu na capital francesa. En 1942 tivo a oportunidade de refuxiarse nun centro psiquiátrico occitano, daquela dirixido por un médico español exiliado, Francesc Tosquelles, como lembrou a escritora Mercè Ibarz en diversas ocasións. Afiliouse de novo ao Partido Comunista Francés e pasou á Resistencia.

Cando rematou a guerra, Eluard e Louis Aragon apadriñaron o ingreso de Picasso no PCF. A partir de entón, o pintor colaborou en diversas iniciativas a prol da paz, especialmente coa pomba como símbolo, do cal hai abundantes mostras na exposición. Na mesma liña, hai ocasión de admirar Masacre en Corea (1951) -inspirada en Os fusilamentos do 3 de maio, de Goya- cuxa modernidade e patetismo segue a impactar no espectador (daquela, o PCF considerouna unha obra hermética).

Completa esta exposición Picasso poeta, un recorrido por aquelas manifestacións do pintor malagueña relacionadas co mundo das letras: textos, diarios, pensamentos en forma de cartas, teatro. O valor das palabras –e das caligrafías como expresión artística das mesmas- nunca lle foi alleo e así sempre considerou que “ao cabo, as artes son unha soa”.