Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Premian un traballo da USC que usa a nanotecnoloxía

Galardón da Real Academia de Ciencias a Alejandro Sánchez, Inés Fernández e Íker Badiola // Frean a metástase no cancro

Investigadores da Universidade (USC) de Santiago lideran o traballo científico que a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) acaba de distinguir co Premio de Investigación Ernesto Viéitez 2018 e que propón o uso de nanopartículas para aplicar terapias diana capaces de frear a metástase do cancro de colon no fígado.

O equipo da USC conta ademais coa colaboración de científicos vascos, franceses e alemáns.

Na categoría de investigadores mozos, o premio foi para un enxeñeiro informático da Universidade da Coruña que achega unha solución capaz de facilitar o traballo dos programadores na resolución de problemas científicos de gran envergadura a través da computación avanzada.

Os galardóns levan o nome Premios de Investigación, na honra do anterior presidente da institución, chegan este ano á súa vixésimo sétima edición, entregaranse o día 23 en Santiago,

Liderado polos investigadores da USC Alejandro Sánchez Barreiro e Inés Fernández Piñeiro, o proxecto gañador propón o uso de nanobiotecnoloxía para deseñar terapias diana capaces de reducir a metástase do cancro de colon no fígado ata nun 80%. A investigación foi publicada este ano na revista International Journal of Cancer, de referencia no ámbito da oncoloxía.

A metástase é o proceso polo que un tumor que aparece nun órgano migra a outro e o coloniza.

No caso do cancro colorrectal, o terceiro máis común no mundo, o fígado corre un risco especial de ser infectado polas células tumorais desprendidas do intestino. No proceso de colonización, o cancro provoca a creación de novos vasos sanguíneos no fígado para surtir as células malignas dos recursos necesarios para crecer. Ese proceso de formación de vasos sanguíneos denomínase anxioxénese e é levado a cabo polas células endoteliais, que neste caso ven alterada a súa función normal en organismos sans para favorecer a proliferación do cancro.

A terapia experimental gañadora do premio da RAGC, testada xa in vivo, baséase no uso de nanopartículas para frear o crecemento dos vasos sanguíneos que chegan ás células tumorais de maneira que se reduce a subministración de osíxeno e alimentos a esas células. Estas nanopartículas, patentadas recentemente nos Estados Unidos e para as que se agarda a concesión en Europa, son capaces de viaxar ao lugar exacto onde precisan ser administradas, é dicir, funcionan como vehículos de terapias diana.


UNHA DISTINCIÓN DOTADA CON 6.000 EUROS O equipo galardoado co premio, dotado con 6.000 euros, integra científicos do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC; do grupo Signaling Lab da Universidade do País Vasco; do Instituto de Investigación Sanitaria Biodonostia; do Centro de Investigacións Médico-Biolóxicas da Universidade de Düsseldorf (Alemaña); e do Instituto Nacional de Saúde e Investigación Médica de Francia (Inserm).

09 ene 2019 / 22:02
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito