El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

{ relatos }

A presenza da Galicia lendaria

JOSÉ MANUEL ESTÉVEZ-SAÁ  | 11.11.2010 
A- A+

Guía ilustrada da Galicia invisible,
Antonio Reigosa,
Ilustracións de Noemí López, Xerais, Col. Infantil e Xuvenil, 2010, 104 páxs. 26 €

O ESCRITOR Antonio Reigosa, coa axuda inestimable da ilustradora Noemí López, móstranos como aproximarnos ao misterio que se cerne ao redor deses espazos máxicos que nos rodean e que forman parte da nosa esencia cultural galega sen apenas decatarnos. Como o propio subtítulo do libro indica, falamos de cidades e vilas desaparecidas, de "illas misteriosas", de "covas impenetrables", de "personaxes etéreos", "montes aparentes", "pozos insondables", etc., que habitan a nosa memoria colectiva. Unha experiencia vital que non por estar cargada de lenda e mitoloxía é menos auténtica. Esta Guía ilustrada da Galicia invisible convídanos a penetrar nun mundo no que a realidade e a ficción, "o tanxible e o intanxible", se confunden até apenas distinguirse. A nosa mirada queda curta e non é capaz de alcanzar esoutro altermundo ocupado por espíritos incertos, por heroes e heroínas lendarios, por monstros que aparentan humanos, por animais fantásticos e por toda unha serie de seres atrapados nun "trasmundo" que, de xeito misterioso, ás veces se fai presente no noso mundo máis próximo.

Nomes da historia, personaxes coñecidos e mesmo divindades propias da cultura relixiosa e popular disfrázanse até sorprendernos coa forza inquietante da súa presenza. Lugares como Coristanco, Vilafranca do Bierzo, Os Ancares, Armenteira, Malpica, Guitiriz, Mondoñedo, Celanova, Cedeira, Fisterra, Compostela, Viveiro, Ares, Nigrán, A Guarda, Neda, Muros, Valdomiño, Cerdedo, Ferrol, Montouto, Vilachá e unha morea de illas que adornan a nosa costa, entre outros moitos, agochan un misterio que explica, ás veces, a orixe de certos emprazamentos e o carácter das súas xentes.