El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

tribuna libre

El reino de Celama

FRANCISCO MARTÍNEZ BOUZAS   | 18.01.2016 
A- A+

O PASADO 5 de novembro, Ediciones Cátedra publicaba un volume que recolle os tres libros do ciclo de Celama do escritor leonés Luis Mateo Díez. Baixo a responsabilidade da profesora Asuncións Castro, especialista na obra de Luis Mateo Díez, o volume compila tres pezas que xa forman parte das obras clásicas da narrativa en castelán: El espíritu del páramo. Un relato, La ruina del cielo. Un obituario e El oscurecer. Un encuentro. A edición conxunta das tres novelas facilita unha lectura gozosa do gordor e do celme dunha trama que unifica os tres libros, con símbolos e metáforas que se repiten ao longo da historia. Así como os centos de personaxes que habitan as tres novelas..

Luis Mateo Díez é, segundo José María Merino, un dos escritores españois contemporáneos máis importantes, por mor da súa extraordinaria e exuberante imaxinación e pola súa capacidade para ordenar, por medio dunha linguaxe inconfundible, unha escritura moi rica en panoramas, tanto materiais como inmateriais. Mestre da imaxinación, cuxa aprendizaxe iniciou de cativo en contacto coa oralidade. Un clásico vivo que se propuxo conservar a memoria das tradicións populares que el percibía nas reunións veciñais (filandones) nas que, á luz do candil e á calor do lume, se contaban historiais locais que alimentaron o seu acervo imaxinario, e achegaron millentos gran de area á urda das súas ficcións.

O ciclo de Celama é, desde unha ollada estrutural, un conxunto polifónico, heteroxéneo aparentemente, que conserva, porén, unha coherencia final absolutana conformación do universo autónomo de Celama. Unha coherencia agrandada polo protagonismo do espazo: ese Páramo erixido en cronotopoe bautizado co nome de Celama, cuxo referente xeográfico é a enxoita planura leonesa encadrada entre os ríos Órbigo e Esla (Urgo e Sela, na novela). Ese páramo leonés configúrase como territorio literario imaxinario. Un espazo mítico habitado por personaxes cuxa épica é a loita diaria pola supervivencia. Seres ancorados nos vellos mitos, no odio, no amor e na seguridade de que A Escura Señora nunca pasará de largo.

CRÍTICO LITERARIO