El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Ruiz de la Prada e Kiko Veneno se suman ao Ourense ICC Week

Incorpórase a vertente creativa da moda na quinta edición deste certame// Tamén falarán da súa traxectoria Purificación García e Adriana Domínguez

Carlos Mella, a esquerda, onte na reunión con Manuel Baltar en Ourense - FOTO: Deputación de Ourense
Carlos Mella, a esquerda, onte na reunión con Manuel Baltar en Ourense - FOTO: Deputación de Ourense

JUAN DAVID OURENSE   | 21.02.2019 
A- A+

A quinta edición da Ourense ICC Week, a Semana das Industrias Culturais e Creativas que organiza a Deputación de Ourense, estrea unha nova vertente creativa, a moda. E faino da man de tres importantes profesionais do sector: Ágatha Ruiz de la Prada, Purificación García e Adriana Domínguez.

Así o anunciou onte o presidente do organismo provincial, Manuel Baltar, na rolda de prensa celebrada xunto aos coordinadores do evento, Juan Rivas e Manuel Araújo, destacando que a xornada inaugural do certame correrá a cargo destas mulleres, que representan marcas de prestixio internacional.

A data é o martes 2 de abril, no Centro Cultural Marcos Valcárcel. As entradas serán de balde, ata completar o aforo, previa inscrición na plataforma Woutick.

A Ourense ICC Week pon así o foco nun segmento, o da moda, punteiro en España, sendo o noso país o quinto exportador europeo no téxtil, cunha cifra de negocio que supera os dez mil millóns de euros.

Un sector puxante e tamén estratéxico en Galicia que, tras Inditex, sitúa a provincia de Ourense a cabeza das exportacións galegas grazas ao Grupo Textil Lonia, que aglutina marcas de renome como Carolina Herrera e Purificación García. Ourense e tamén berce de marcas tan recoñecidas como Adolfo Domínguez, Roberto Verino ou Bimba y Lola.

"A Ourense ICC Week pon sempre o acento na vangarda e na innovación, algo que no mundo da moda ten á provincia de Ourense ocupando un lugar destacado, especialmente notorio e con peso de seu", afirmou Manuel Baltar, con nomes -ademais dos que participan- como Roberto Verino ou Kina Fernández.

O presidente do goberno provincial agradeceu o traballo que están a desenvolver os coordinadores da ICC Week, "que nesta edición continuará a engrandecerse, no apartado musical, con nomes como o de Kiko Veneno, un referente da música española", e lembrando, no ámbito xornalístico, a participación este ano de Iker Jiménez, xornalista, presentador de televisión e divulgador do misterio, quen participará co seu formato en directo chamado "Cara a Cara".

Haberá humor. Baltar tamén dixo que o programa desta edición inclúe o humor, unha temática que continúa a ter o seu espazo na Semana das Industrias Culturais e Creativas, e que estará a cargo do humorista, escritor e director de cine, Luis Piedrahita.

O certame cultural celebra a súa quinta edición entre os días 2 e 7 de abril, durante os cales Ourense converterase no "foro creativo e cultural para centos de persoas e entusiastas da innovación que, en diferentes lugares emblemáticos da nosa provincia, analizarán, debaterán e gozarán coas propostas que os mercados e a tecnoloxía pon a disposición do público", dixo Baltar.

Unha das protagonistas deste ano éÁgatha Ruiz de la Prada, cuxo nome é sinónimo de arte, ten exposto as súas creacións en prestixiosos museos de todo o mundo. A súa empresa conta desde 1986 con máis de 100 categorías de licenzas como complementos de moda, artigos para o fogar, libros o accesorios.

Vindeira chegada de 'A derradeira leición do mestre', de Castelao

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu onte no Pazo Provincial ao máximo responsable da Fundación Castelao, Carlos Mella, con que analizou temas referidos á vindeira chegada a cidade das burgas do cadro A derradeira leición do mestre, obra icónica de Alfonso R. Castelao.

Ambos concordaron na importancia e significación que para a provincia ourensán terá o feito “de unir” a Rodolfo Prada e ao intelectual rianxeiro nun mesmo espazo: a antiga biblioteca do Pazo Provincial, onde repousan temporalmente as cinsas do insigne galeguista ourensán dos Peares, Prada Chamochín, e a súa dona, Manuela Fraga.

A emblemática obra chegará unha vez que finalice a súa exposición ao público na Cidade da Cultura, o vindeiro domingo 3 de marzo.

A resolución é froito dunha negociación que comezou cando o presidente do Centro Galicia, José María Vila Alén, visitou a Deputación o 5 de outubro.