El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

San Sadurniño: capital cultural polo Día das Letras Galegas

A praza do Concello acolle este venres dez microeventos con poesía, teatro e música // E entrega os premios do concurso ARTEllando a Lingua

PATRICIA HERMIDA. FERROL  | 15.05.2013 
A- A+

Esquíos, morcegos, donicelas, cabaliños do demo, queirugas, rabos de raposa... San Sadurniño faille as beiras ao galego, xa dende a riqueza lingüística da súa natureza. E a historia do amor culminará este venres, cunha gran festa en torno ao Día das Letras Galegas. Con música, literatura e teatro, "poñeremos de manifesto que a lingua ten vida e ten futuro", indican dende o Concello
 
A homenaxe a Roberto Vidal Bolaño iniciarase ás once da mañá, na praza do Concello, con dez microeventos. Segundo o equipo liderado polo alcalde Secundino García Casal, será unha xornada "lúdica e reivindicativa a partes iguais, cun completo plantel de artistas con pequenas actuacións durante dúas horas e media". María Teresa Pouso lerá poesía, Bucanero e Os Ghazafelhos traerán teatro. A música chegará da man das escolas municipais de gaita e pandeireta, a zanfona de Óscar Fernández, o Quinteto Diáfora de música de cámara, a pequena zanfonista María López, o cantautor Marcelo Fraguela, os frautistas Álex e Erika, o violín de Lucía e o chelo de Víctor. En caso de chuvia, o certame levarase á Casa da Cultura.
 
Xa ás 13.30 horas, entregaranse os premios do segundo concurso ARTEllando na Lingua convocado pola asociación ARTElladas para relatos curtos, poesía e banda deseñada. E a festa continuará o sábado, coa representación da comedia 'De solteira a casada' a cargo da compañía T de Tinglado na Casa da Cultura. Será ás 19.30 horas, con entrada gratuita. A programación das Letras Galegas complétase co curso Fálame de San Sadurniño, na que os veciños convertirán fotos antigas nun documento visual e sonoro. Impartirase entre o 27 e o 30 de maio.