El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Televisión de Galicia vístese de gala para a estrea de ‘Pazo de familia’

A nova serie, un ‘spin off’ de ‘Libro de familia’, estará en antena o 1 de decembro// A producción inclúe a varios dos mellores actores galegos

Cosme, Lolo e Sara, os Cabanas no comezo da serie ‘Pazo de familia’.  - FOTO: Elena Saa
Cosme, Lolo e Sara, os Cabanas no comezo da serie ‘Pazo de familia’. - FOTO: Elena Saa

IRENE JIMÉNEZ. SANTIAGO  | 16.11.2014 
A- A+

A pequena pantalla pode acoller grandes producións pero, no caso de Pazo de familia, probablemente se estea a falar dun acontecemento inédito na historia do audiovisual galego. A nova serie, que terá a súa estrea o día 1 de decembro na Televisión de Galicia e que se atopa hoxe a pleno ritmo de produción, promete ser moito máis que unha simple secuela de Libro de familia.

Lonxe de contentarse tan só con aproveitar o tirón da que foi a serie máis exitosa da historia do audiovisual en Galicia e que deu a coñecer á familia Cabanas a máis de 200.000 fogares, Pazo de familia propón un novo taboleiro de xogo para xuntar a varios dos mellores actores galegos nunha produción nunca antes vista na televisión autonómica.

En palabras do seu creador, José María Besteiro, promotor de éxitos como Mareas vivas ou Nada es para siempre: "Nos últimos anos, o nivel da ficción nacional subiu considerablemente, elevando tamén a esixencia do espectador. Sen dúbida, series coma El tiempo entre costuras ou El príncipe puxeron un listón moi alto. Esta serie representará para o Audiovisual Galego o mesmo salto cualitativo que outras supuxeron no panorama nacional e internacional".

As razóns coas que conta Pazo de familia para conseguilo son cando menos prometedoras. Actores do nivel de Mabel Rivera (multipremiada polos seus papeis, entre os que destaca o realizado xunto a Javier Bardem en Mar adentro) ou Luis Iglesia (inesquecible por interpretar ó xefe do clan dos Matalobos), xúntanse con outros grandes valores do reparto, tanto consagrados coma emerxentes, para dar vida a un universo novo de personaxes que o espectador coñecerá ó tempo ó que o fai a familia Cabanas.

Isto é así porque a trama da serie ten comezo cando Sara (Maika Braña), Lolo (Jaime Faraldo) e Cosme Cabanas (Gonzalo Uriarte), as personaxes coas que se puideron compartir xa tantas alegrías, aventuras e decepcións ó longo de máis de trescentos capítulos de Libro de familia, chegan á cidade para traballar no servizo doméstico dos Pardo Veiga, unha das máis influintes e poderosas familias galegas.

Un clan enfrontado entre o xeito despiadado de facer negocios de don César (Arturo Santos Zas) e a sensibilidade e compromiso de seu fillo Emilio (Luis Iglesia), e que tan só é unha das moitas propiedades do holding empresarial dos Pardo Veiga.

Se Cosme e Sara, humildes e afeitos ó pobo de Santalla, conseguirán adaptarse á cidade e sobrevivir ós delicados e frívolos fíos da alta sociedade, é só unha das incógnitas que plantexa a serie.

O drama familiar e as historias de poder e o amor (por veces imposible) conviven co glamur dos Pardo Veiga e a sinxeleza dos que están ao seu servizo. O épico e o cotián se entrecruzan conformando o retrato da nova e trepidante modernidade que empezaba a albiscarse nos anos oitenta.
"Retrátase unha etapa crucial da nosa historia recente, na que a burguesía tradicional debía adaptarse a un escenario novo, con regras novas e retos novos, e na que a xente do campo vía a cidade coma a grande oportunidade para conseguiren un futuro mellor", continúa Besteiro.

As tramas que acontecen entre a xoven e fermosa Claudia, filla de Emilio, e Daniel, un traballador que, a diferenza dela, tivo que gañalo todo por si mesmo, os enredos entre Marisiña (Iolanda Muíños), tamén ó servicio dos Pardo Veiga, Sara e Cosme co resto dos empregados e con dona Leonor (Mabel Rivera) e as historias de amor e vinganza, xúntanse á intriga empresarial e familiar nunha serie que ambiciona multitude de frontes temáticas tanto de gran desenvolvemento argumental ou ben que conclúen en cada episodio, ó estilo de clásicos coma Dallas e series de referencia internacional coma Downton Abbey.

Con estes ingredientes entre as mans, quíxose mimar ó máximo cada detalle. Ós decorados, deseñados para mergullar ó espectador nun mundo cheo de realismo, luxo, cotidianidade e vida empresarial, súmanse un grande número de exteriores dalgúns dos máis fermosos puntos de Galicia, mesturando a tradición e modernidade da nosa terra e a da época na que transcorre Pazo de familia.

En definitiva, trátase dunha serie que, nos aspectos da producción, tramas e reparto, amosa unha ambición e carisma similar á da saga familiar dos Pardo Veiga e que os espectadores de Televisión de Galicia poderán coñecer moi pronto. Coma fixeron os Cabanas hai case dez anos en Libro de familia, contan con valía non só pra chegar, senón tamén para quedarse.

UN EMAIL PARA PODER ASISTIR Á PREESTREA

•••Calquera de vostedes pode asistir como convidado á preestrea de ‘Pazo de familia’. Só ten que enviar un email á seguinte dirección de correo electrónico: rrpp@crtvg.es. Despois contestaráselle  indicándolle o lugar e a hora do que será o máis importante evento audiovisual da temporada.

•••‘Libro de familia’, creada por José María Besteiro e producida pola división audiovisual do Grupo Correo Gallego, está considerada como a mellor serie emitida pola TVG. Estivo máis de oito anos en antena e acadou unha audiencia media do 28,06 por cento, con capítulos que llegaron ao 40 por cento.