El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Tende pontes a etnoloxía entre os investigadores e a sociedade

Preto de 900 expertos de medio cento de países reúnense ata o mércores en Santiago, nun congreso organizado polo CSIC e as tres universidades galegas

O delegado institucional do CSIC en Galicia, centro, na presentación do congreso - FOTO: ECG
O delegado institucional do CSIC en Galicia, centro, na presentación do congreso - FOTO: ECG

LORENZO FERNÁNDEZ   | 15.04.2019 
A- A+

Como "unha oportunidade para aprender, dar visibilidade e influencia e tender pontes entre investigadores e sociedade", así definiu onte a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, o 14º Congreso da Asociación Internacional de Etnoloxía, que se celebra desde onte pola tarde e ata o mércores en Compostela.

Organizado polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) xunto ás tres universidades galegas, á Nacional de Educación a Distancia (UNED) e á Ude Trás-os-Montes e Alto Douro (Portugal), o encontro conta tamén co apoio da Xunta, a Deputación Provincial da Coruña e a Wenner Gren Foundation, entre outras entidades.

Na súa intervención durante a apertura desta reunión na Cidade da Cultura, a titular do departamento galego de Educación mostrou a súa confianza en que "a presenza masiva de estudosos da antropoloxía na nosa comunidade poña de manifesto a importancia desta disciplina, porque analizar o comportamento dos distintos grupos humanos permítenos ver os acontecementos e tendencias cunha perspectiva máis ampla", dixo.

Salientou, ademais, o interese dos temas que se tratarán neste congreso, "que concitan o interese do Goberno galego e o seu apoio, así como o das tres institucións que conforman o Sistema Universitario de Galicia (SUG), conscientes da necesidade de incrementar a investigación nestas materias".

Ademais de Pomar, na inauguración participaron o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o delegado institucional do CSIC en Galicia, Antonio de Ron; o vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, Vicente Pérez Muñuzuri; a vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Docente da UDC, Nancy Vázquez Veiga, e a de Coordinación Académica e Calidade da UNED, Nancy Konvalinka. Interviñeron a presidenta do congreso, Cristina Sánchez-Carretero e a representante da asociación SIEF, Nevena Skrbic Alempijevic.

A xornada inaugural rematou cunha conferencia da catedrática de Antropoloxía Social da Universitat de Barcelona Susana Narotzky, quen falou sobre políticas da incerteza derivadas da crise e a posverdade.

Esta cita, ata o mércores na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, reúne preto de 900 expertos nesta disciplina e afíns, de 50 países. Nela está previsto reflexionar sobre a a situación da antropoloxía en Galicia, o impacto do turismo ou a recuperación dos barrios.