El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Terceira entrega de piratas: botín de ouro e Santo Graal

Aventuras de bucaneros, intriga, loitas políticas, traizón e un barco naufragado acolle a última novela de Rafael Lema

MAR FERNÁNDEZ VÁZQUEZ USC/CIRP   | 15.02.2011 
A- A+


O escritor coruñés Rafael Lema, autor da novela ‘O tesouro da corsaria’

As aventuras de piratas son unha temática pouco tratada na Literatura Infantil e Xuvenil galega. Aínda que en Historia da buguina (1988), de Xaquín Agulla Pizcueta, un pirata inglés é raqueiro na costa galega, esta modalidade formal e temática non lles interesou aos escritores galegos até finais dos 90.

Obras como O Pirata da Illa de Prata (1987, 2001), de Ana María Fernández; Bala perdida (1996), de Manuel Rivas; A pirata Penamoura (Premio Barco de Vapor 1996, 1997), de Daniel J. Buján; A rutina corsaria (1998), de Santiago Jaureguizar; A verdadeira historia do pirata Xocas (1999), de Milagros Oya; A lenda do capitán Miñoca (Premio Barco de Vapor 1998, 1999), de Dolores Ruíz; ou Piratas polo Miño (2006), de Xosé Miranda son antecedentes de O tesouro da corsaria (2010), de Rafael Lema (Ponte do Porto-A Coruña, 1967). Nelas aparecen personaxes, elementos e localizacións galegas, citas dos piratas máis importantes da historia real e literaria, de autores clásicos, así como se relata a busca de tesouros agochados e barcos naufragados e se sitúa a acción en séculos pasados.

Rafael Lema escribiu unha serie composta por Capitán Araña (Sotelo Blanco, 2000), Crónicas corsarias (Editorial Luis Vives/Tambre, 2008) e O tesouro da corsaria (Editorial Luis Vives/Tambre, 2010). Teñen como trazos recorrentes unha profunda documentación histórica, a reiteración do narrador Roi Martíns que forma a súa personalidade mentres participa nas aventuras, a intertextualidade con obras canónicas de piratas que le Roi, abordaxes no Caribe, e a localización a comezos do sé- culo XIX con referencias a gobernantes españois e de países relacionados económica e politicamente con España.

O tesouro da corsaria presenta o mundo previo á batalla de Trafalgar, convulso por intrigas políticas e loitas entre ianquis, españois, fernandinos, francmasóns, xudeus, Royal Navy, o Santo Padre e embaixadas que ambicionan poder económico e social. Son as memorias corsarias nas que participou e foi testemuña, xunto a grandes heroes, o narrador Roi quen as salva para a posteridade. Ao final da novela o capitán Araña engarza pistas soltas e personaxes da segunda e terceira entregas, e dá sentido ás intrigas e traizón descritas.

Servíndose dos tópicos literarios e cinematográficos do naufraxio dun barco con ouro e o tesouro de Jack Rackham, e do Santo Graal, Lema mostra a heroicidade, destreza e lealdade de Araña, Survall e A Catalá, e destaca as corsarias A Catalá, Anne Bonny e Mary Read, e a madureza do narrador, trasunto de Jim Hawkins d'A illa do tesouro, de Stevenson.

O lectorado mozo pode gozar da acción, valentía e heroicidade que achegan estas aventuras, coñecer a historia real de personaxes e feitos históricos e ver diferenzas entre obras literarias e fílmicas sobre piratas.

caracocha4@hotmail.com