El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

A todos os peixes nos gusta xogar!

KENYA PINEDA. USC/ANILIJ  | 01.12.2019 
A- A+

O Acuario é un pequeno universo de pedras de cores, area, algas e burbullas. Aí viven un peixe vermello de aletas maxestosas e tres peixes gordos e fracos de cor azul. Todos azuis, mais todos distintos. Pregúntome se xogarán todos xuntos. Un día, chegou un novo habitante. Un enorme e vello peixe negro. Os pequenos peixes azuis, que son moi nerviosos, sentíronse un pouco intimidados por el e temían acercarse. Mais, pouco a pouco, descubriron que as aparencias poden enganar e que, a pesar das diferenzas, a todos os peixes nos gusta xogar e desfrutar xuntos.

Recentemente editado por Hércules de Ediciones, este fermoso conto ilustrado de João Pedro Mésseder (Porto, 1957) retrata unha situación coa que nos podemos identificar facilmente pois, quen non sentiu medo?, quen non se equivocou algunha vez? E, cantas veces no noso día a día podemos ver que o respecto, a amabilidade e a colaboración son os ingredientes básicos para a amizade e a convivencia na clase, na casa, no parque e, por suposto, no Acuario. Mésseder é autor de máis dunha trintena de obras para a infancia, ademais doutras publicacións para adultos e dunha basta produción de poesía.

Por outra parte, Célia Fernandes (Lisboa, 1972) é unha ilustradora cunha sólida formación en deseño e a súa produción está dedicada aos máis novos. En O Acuario, as ilustracións teñen unhas liñas suaves e formas sinxelas. Tamén, as tenues texturas mesturadas cunha ampla paleta de cores en tons claros convídannos a escudriñar as páxinas para encontrar pequenos detalles como premios á nosa atenta mirada. O Acuario de João Pedro Mésseder coas ilustracións de Célia Fernandes e a tradución feita por Anxo Tarrío (Santiago de Compostela, 1945), está dispoñible en galego e en castelán. Sen dúbida, un acerto para a colección de "Novas lecturas de Hércules".

kenyapinedah@gmail.com