El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

comisión parlamentaria

Traballadoras sociais denuncian precariedade e grandes dificultades na atención ás mulleres maltratadas

Falan de "victimización secundaria" por falta de recursos e coordinación, "trabas" policiais aos centros de información, servizos colapsados, problemas de inserción laboral, dificultades por non ser a sanidade universal, falta de centros en moitos lugares ou ausencia de educación específica nas escolas

SANTIAGO. EP  | 29.01.2015 
A- A+

O Colexio Oficial de Traballo Social fixo unha radiografía este xoves sobre as diversas dificultades existentes na Comunidade galega para a atención integral ás vítimas da violencia machista, cuns servizos sociais que "están colapsados", nos que faltan recursos e formación especializada para axudar ás mulleres, mentres non existe "coordinación" coas forzas policiais e outros organismos, o que deriva nunha "victimización secundaria" das persoas maltratadas.

Na súa intervención na comisión parlamentaria de igualdade para os dereitos das mulleres, María Jesús Olivares, do Colexio de Traballo Social, remarcou que "hai un longo camiño que queda por percorrer" en Galicia para a aplicación da lei orgánica de 2004 de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, xa que "a lei recolle pero non dota presupostariamente".

Así, censurou que o labor dos traballadores sociais "se desvaloriza" e "se traballa en precario", mentres o Colexio alerta de que "son escasos" os centros de información ás mulleres (CIMs) que "mantiveron a figura profesional" destes empregados cualificados para actuar. Por iso, cren que o traballo "de empoderamiento" das vítimas da violencia machista "vai quedando relegado".

Pola súa banda, a traballadora social Karina Pérez relatou a serie de dificultades existentes en Galicia. E é que, aínda que se recolle o dereito á información das mulleres, avisan de que "non está garantido de igual modo para as mulleres galegas segundo residan nun ou outro concello".

Ao respecto, chamou a atención sobre que en zonas de montaña da provincia de Lugo, como A Fonsagrada ou Meira, non existen ningún centro de información á muller.

Tamén alertan das dificultades para acceder ao dereito de asistencia xurídica especializado, xa que na provincia de Lugo "non é posible", porque segue sin existir unha quenda específica de violencia de xénero". Tampouco hai unha asistencia integral psicolóxica, posto que está vinculada só a un número de sesións fixadas "previamente" co Colexio de Psicoloxía.

INSERCIÓN LABORAL E AXUDAS

Outro dos problemas sobre os que chamaron a atención é o déficit de posibilidades de inserción laboral, que "non se está a facilitar", mentres se deben mellorar os programas. Así, Karina Pérez fixo fincapé en que na independencia económica reside boa parte da clave para que as vítimas poidan "saír da relación de violencia".

E é que, segundo critican, o prazo de presentación de solicitudes para acceder ao chamado salario da liberdade vai de marzo a outubro, e poñen o foco sobre o problema que existe para as mulleres que presentan as súas peticións a partir de novembro, xa que deben esperar ao seguinte período. Como unha das condicións para acceder a estas axudas é romper coa violencia nos 12 meses anteriores, "pódese dar a situación" de que no período seguinte haxa mulleres que non cumpran os requisitos.

A isto únese que axudas ao aluguer levan anos "paralizadas" en varios concellos, mentres que a asistencia sanitaria, coas modificacións de 2012, deixa de ser "universal", o que afecta sobre todo mulleres en situacións irregulares.

CASAS DE ACOLLIDA E "TRABAS" POLICIAIS

Un dos extremos aos que se referiu María Jesús Olivares foi a situación das casas de acollida, rexidas por unha orde de 1997 que debe ser actualizada. Considera esta experta que se debe apostar por profesionais multidisciplinares, con necesidade de coordinación e unificar criterios nos distintos centros de acollida, mentres que os recursos existentes "son insuficientes". Ademais, valorou que se crea o centro de recuperación integral en Santiago, aínda que "sen prazas de acollida".

 Tamén criticaron o funcionamento da valoración policial do risco das vítimas de violencia de xénero, que se fai a través dun programa informático, con axentes sen formación especializada e que pode ser "moi subxectivo", polo que piden cambialo.

Así mesmo, criticaron as "trabas" que poñen os Corpos e Forzas de Seguridade na súa relación cos CIMs e a falta de coordinación con eles, xa que en moitos casos nin se facilita ás vítimas a situación de risco que se establece para elas, nin tampouco se quere informar desta cuestión aos centros de información ás mulleres, o que facer "perder un tempo moi valioso" para a atención integral.

 De feito, "hai moitas mulleres" que "se perden" tras facer unha denuncia e non coñecen como acceder aos servizos dos CIMs. Por este motivo, as traballadoras sociais piden estar en contacto directo cos xulgados para coñecer a situación xudicial na que quedan as mulleres.

Nesta liña, criticou que nalgúns xulgados nin sequera existe sala de separación para que agresor e vítima non estean no mesmo espazo. A xeito de exemplo, sinalou que un caso recente en Carballo, á muller se lle mandou esperar no bar do lado do xulgado, onde apareceu un axente cun amigo do maltratador, creando unha situación "violenta" para a vítima.

Ademais, sinalan as complicacións para o acompañamento policial a mulleres en traslados, porque "depende todo e na maioría dos casos da boa vontade dos profesionais de quenda", sen que exista un protocolo que, segundo lamentan, debería estar xa desenvolvido.

OUTRAS CUESTIÓNS A CAMBIAR

Outros temas sobre os que se queixou o Colexio Oficial de Traballadores Sociais é que o Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) "non ten profesionais formados" en violencia de xénero" e "estase aconsellado custodias compartidas" con maltratadores.

Tampouco existen recursos específicos para a atención de menores vítimas de violencia de xénero, xa que, por exemplo, cando as mulleres saen de centros de acollida se atopan con que os seus fillos están escolarizados en centros onde non van ter facilidades o seu día a día como comedores.

Ademais, referíronse á situación das mulleres que viven unha violación, que "é unha forma máis de violencia de xénero", pero "non teñen un recurso ao que acudir" no que consideran "unha lagoa".

No tocante á sensibilización e prevención, subliñan que as únicas medidas existentes a nivel educativo ou sanitario son "de carácter puntual", que identifican con "tiritas, parches", pois non hai nos centros escolares equipos psicosociais para abordar de forma transversal esta cuestión, nun momento no que saltan "as alarmas" pola violencia de xénero entre adolescentes.

Xunto a isto, incidiron na necesidade da creación de equipos multidisciplinares, con profesionais especializados que estean dispoñibles as "24 horas", porque esta problemática non é unha cuestión "de horario de despacho, de 8,00 a 15,00". Finalmente, reflexionaron sobre a "preocupación" acerca da Lei de racionalización e sostenibilidad da Administración Local, pois pregúntanse "que vai pasar se xa na actualidade os servizos sociais están colapsados".