El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Tramo final da candidatura das Illas Cíes a Patrimonio Mundial

As universidades galegas traballan en colaboración coa Xunta para elaborar un estudo científico-técnico sobre o Parque Nacional das Illas Atlánticas

Praia nas Illas Cíes, un dos destinos turísticos galegos máis visitados - FOTO: Fernando Blanco
Praia nas Illas Cíes, un dos destinos turísticos galegos máis visitados - FOTO: Fernando Blanco

MARÍA LEDO SANTIAGO  | 24.05.2019 
A- A+

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou durante o día de onte da aprobación por parte do Consello dun convenio coas tres universidades galegas para a elaboración do formulario da candidatura de Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia a Patrimonio Natural Mundial.

O convenio, que estará formado polas consellerías de Cultura e Turismo e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e as Universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña, levará a cabo a realización do formulario, un elemento técnico básico para proseguir o proceso.

A elaboración das candidaturas está suxeita a distintas avaliacións nacionais e internacionais e para afrontala, tal e como abundou Feijóo, "o texto ten que ser sólido, ten que ter distintas avaliacións metódicas feitas por expertos con criterio científico e con rigor". Este documento analizará aspectos como "a diagnose dos compoñentes do ambiente, a biodiversidade e a xeodiversidade, a súa delimitación, a valoración territorial e a análise das normas de xestión que inciden sobre o espazo e a conservación dos bens de patrimonio natural", acorde cos criterios e formatos establecidos pola Unesco.

Para a súa realización o grupo conta cun importe de 80.000 euros destinados á caracterización científico-técnica do Parque. O investimento executarase durante o 2019 e o 2020, con 30.000 e 50.000 euros respectivamente.

Ademais, as dúas partes asinantes manifestan a súa vontade de colaborar no desenvolvemento de actuacións que teñen por finalidade a promoción dos valores culturais e patrimoniais da comunidade.

Por outra banda, o presidente da Xunta lembrou que se leva moito tempo traballando nesta candidatura: "Esta é unha carreira de relevos, é unha tramitación moi longa, moi complexa e, de conseguirse, tería efectos moi positivos para Vigo, Bueu, Ribeira e Vilagarcía, e, por suposto, para toda a comunidade".

Tamén detallou os catro aspectos clave que outorgan a seguridade de que o proxecto reúne as condicións necesarias para optar a esa declaración: o seu valor universal excepcional, a súa integridade territorial, os niveis de protección específicos e a existencia dunha unidade de xestión a través do Padroado do Parque Nacional.

A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e promovida polas consellerías xa mencionadas, acadou do Consello de Patrimonio Histórico Español o recoñecemento da candidatura e a súa inclusión da Lista indicativa nacional en outubro do 2017.

Este documento foi actualizado e publicado pola entidade en febreiro de 2018, concedéndolle a carta de natureza á candidatura.

Feijóo explicou que o seguinte paso era que o proxecto permanecese un ano na lista indicativa, polo que transcorrido ese prazo, o Goberno retoma a actividade encargando o formulario da candidatura. Ademais, búscase un acordo dialogado para o conxunto atlántico que defina o conxunto do Parque Nacional como un todo. para esto, fixéronse xestións para modificar o nome e introducir novidades.