El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Tres montaxes do CDG para celebrar o 17 de maio no Salón Teatro

Haberá tamén unha xornada de portas abertas con visitas guiadas polo edificio

Representación da obra Invisibles, de Redrum Teatro - FOTO: ECG
Representación da obra Invisibles, de Redrum Teatro - FOTO: ECG

ECG   | 15.05.2019 
A- A+

O Centro Dramático Galego (CDG) ten preparado un intenso programa de actividades durante esta semana para conmemorar o Día das Letras Galegas na súa sede do Salón Teatro de Santiago. Esta carteleira inclúe os espectáculos de Redrum Teatro A nena que quería navegar, Contos do recreo e Invisibles, este último realizado en coprodución coa compañía da Xunta, que para o propio día 17 organizou, así mesmo, unha xornada de portas abertas e o inicio dunha nova edición do ciclo Teatro Ob-sceno.

A denuncia social é o común denominador das tres montaxes coas que Redrum Teatro se presenta ata o domingo en Santiago. Nas dúas primeiras obras, o obxectivo é reforzar a autoestima do alumnado fronte ao acoso escolar. Con este fin, programáronse tres pases matinais concertados con centros escolares: desde onte e ata hoxe coa primeira das pezas e mañá coa segunda delas, que tamén poderá verse o venres 17 nunha función para público familiar ás 18.00 h.

Álex Sampayo é o director de ambas as pezas, mentres que Marián Bañobre se puxo á fronte de Invisibles, para a que Redrum contou co apoio da Consellería de Cultura co programa de coproducións do CDG.

O espectáculo, que se representa o 18 ás 20,30 e o domingo 19 ás 18,00 horas, aborda e denuncia a lacra da violencia de xénero a partir dos sete testemuños reais recollidos no libro homónimo da xornalista Montse Fajardo.

Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodríguez danlle voz en escena a estas mulleres nunha proposta na que, a partir da invisibilidade do maltrato e da posible inconsciencia das vítimas, as historias van saíndo á luz e confrontando ao público coa finalidade de facer saltar as alarmas e provocar reaccións.

Ademais, o CDG súmase á celebración cunha nova entrega do seu programa de portas abertas Qué se agocha tras o pano?, que desta volta acompáñase dunha cita de Antón Fraguas: "Para facer o pan había que moer o millo".