El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Tribulacións da prensa nos tempos de cólera

Teletraballo con mellizos: 'Come Armageddon, Come' // Ás nove hai unha montaña sen planchar // E á medianoite continúa intacta

FOTO: TORRENTE
FOTO: TORRENTE

PATRICIA HERMIDA  | 26.03.2020 
A- A+

Como unha xigantesca bóla de neve, a gadaña económica do coronavirus avanza implacable. E entre os miles de afectados, xa hai xornalistas sumidos nos ERTE e outras medidas drásticas. Ten mala fama que a prensa fale das súas propias condicións laborais. Os plumillas viñemos ao mundo para denunciar despidos e impagos dos demais, pero non os nosos. Anunciábanse onte expedentes de regulación en xornais e radios. E como diría Roy Batty montado na azotea, eu vin cousas que non creriades... e que non penso contar. Come Armageddon, Come Armageddon, Come.

DÍA 11 OU 12. Xa perdín a conta de canto levamos de confinamento. Pero confirmo que recollemos a casa catro veces ao día para despois volver a desfacerse. Nunha auténtica representación dos Irmáns Marx. Ou de Jacques Tati. Ou de Pepe Viyuela. Agora imperan as Hello Kitty sobre os micrófonos. Todos din que o covid-19 transtornará o equilibro económico mundial. E eu vaticino que afectará sobre todo ás mulleres. Nestas xornadas de teletraballo, as nais dificilmente podemos competir cos profesionais sen cargas familiares (non me tiren tomates).

07.30 HORAS. Esperta o primeiro melli e xa quere ver os debuxos animados.

08.00 HORAS. Esperta o segundo melli e tamén quere ver debuxos. Pero non os de Clan, senón os de Panda. PELEA.

08.30 H. Facemos o almorzo. "Quiero tostadas. Yo con miel, yo con dos mermeladas. Yo con miel, pero escribiendo mi inicial".

09.00 H. Botamos un vistazo pola cociña e as montañas de roupa sen planchar. Empezamos a mirar o teléfono móbil en busca de temas para o xornal. Os pluriempregados teñen ademais que diversificar. Se ademais de nun xornal traballas para a radio, reclamas audios por WhatsApp como Coca-Cola no deserto.

09.30 H. Empezan a chegar correos. Traballas nun medio local: "Uy, non vale que son temas demasiado xerais". Traballas nun medio galego: "Uy, non vale que son temas demasiado locais". Os nenos empezan a desbaratar a casa. A melli non quere compartir a casa de Peppa Pig. PELEA.

10.30 H. Almorzo mirando o móbil cheo de culpabilidade.

11.00 H. Chamada á nai, para ver como está o pai enfermo. Máis culpabilidade.

12.00 H. Primeira recollida de salón, cociña e camas. Entrevistas a confinados para ofrecer temas propios para varios medios. Gravación de crónicas radiofónicas cun melli enganchado no pé.

13.00 H. Os nenos seguen en pixama. Teño que coser un de Batman. Outro día máis sen facer deberes. Preparación da comida, máis traballo. Estrés.

15.00 H. Nenos comidos. Xogos, intento de clase de matemáticas.

16.30... 20.30 H Combinación de traballo, merenda, debuxos, bricolaxe. Chamada a pais con culpabilidade. Os nenos non se queren poñer ao teléfono. PELEA. 21.00 H Baño colectivo e cea.

23.00 H Nenos durmidos. Inquedanza ao comparar o teu traballo xornalístico co dos demais. Pero chego a tempo de ver Maestros de la Costura. Aplaudo coas orellas.