El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

na TVG ÁS 22.00 h

TVG estrea hoxe ‘Pazo de familia’, unha serie que vai marcar época

Producida por Besteiro, é a continuidade de ‘Libro de Familia’, éxito da canle pública galega // Ten actores como Mabel Rivera, Mayka Braña e Luís Iglesia

Mabel Rivera e Arturo Santos Zas, dous dos intérpretes da serie ‘Pazo de familia’, que vai botarse cada luns no ‘prime time’ da TVG.  - FOTO: CRTVG
Mabel Rivera e Arturo Santos Zas, dous dos intérpretes da serie ‘Pazo de familia’, que vai botarse cada luns no ‘prime time’ da TVG. - FOTO: CRTVG

IRENE JIMÉNEZ. SANTIAGO  | 01.12.2014 
A- A+

Grande estrea na TVG esta noite de lunes, coa chegada ás pantallas da nova serie Pazo de familia, trama creada e producida por José María Besteiro como continuidade da coñecida Libro de familia, unha das series de máis éxito da historia da canle autonómica.

A nova aposta da TVG (22.00 h) conta con varios dos mellores actores galegos, entre os que figuran Mabel Rivera, Mayka Braña, Luís Iglesia, Iolanda Muíños, Gonzalo Uriarte ou Ledicia Sola, para encarnar os personaxes dun novo mundo de glamur, ambición e poder que retrata unha etapa fundamental da nosa historia recente, en que a burguesía debía adaptarse á modernidade e a xente do campo vía a cidade como unha oportunidade de progreso. Un novo mundo non só para os espectadores que sintonicen hoxe a Galega, senón tamén para os propios protagonistas da serie, os Cabanas.

A trama comeza cando, tempo despois da morte de Manuel no último capítulo de Libro de familia, Sara (Braña), o pequeno Lolo (Jaime Faraldo) e Cosme Cabanas (Uriarte), deixando atrás o pasado e con el a vila de Santalla, irrompen nun mundo novo, da man de Marisiña (Muíños), buscando un sitio onde poder seguir adiante. Este sitio é a luxosa casa dos Pardo Veiga, a familia máis poderosa, admirada e envexada da cidade. Aparentemente, Sara e Cosme chegan a un universo sólido que ten as súas propias regras e o seu propio equilibrio, pero unha vez dentro, non tardarán en comprobar que ese equilibrio é moi fráxil e que os Pardo Veiga son un xigante con pés de barro. Sobre todo, cando Emilio (Luís Iglesia), o primoxénito, que nunca se dobregou á vontade do seu pai e escolleu o seu propio camiño como comprometido xornalista, non só se namore de Sara, rebelándose contra unha inminente voda de conveniencia que lle aseguraba á familia un poder aínda maior, senón cando descubra, horrorizado, que o seu pai non é o grande home que aparenta ser, senón un mostro sen escrúpulos, capaz de calquera cousa por preservar o seu imperio.

Pazo de familia, producida por Central de Telecontenidos, introducirá os espectadores no mundo dos Pardo Veiga, que representan a burguesía galega que emerxeu a mediados do século XIX, amosando as grandezas e as miserias dunha saga familiar destinada a marcar unha época.