El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Un libro analiza a toponimia e antroponimia galegas de orixe celta e enlaza Galicia con países europeos

Glandomiro, logo Brandomil, está relacionado con Gleann ou o apelativo persoal Glenda, nome que leva a actriz inglesa Glenda Jackson, quen intentou ser alcaldelsa de Londres co partido Laborista // Cambados ou Camelle están unidos a Cambridge polo nome, que alude a curvas do río

Fernando cabeza, autor de 'A toponimia celta de Galicia' - FOTO: ECG
Fernando cabeza, autor de 'A toponimia celta de Galicia' - FOTO: ECG

SANTIAGO  | 06.11.2014 
A- A+

Fernando Cabeza Quiles é o autor do libro titulado "A toponimia celta de Galicia", publicado pola editorial Toxosoutos de Noia na súa colección Serie Keltia. O volume de máis de 500 páxinas e de recente aparición, que está a ter moi boa aceptación, trata sobre a toponimia galega, antiga e actual, de orixe celta, establecendo relacións e correspondencias con outros topónimos que tamén existen noutros países europeos onde tamén viviron os celtas, por exemplo, o galego Glandomiro, hoxe transformado en Brandomil se corresponde co topónimo galés Glanafon, co escocés e irlandés Gleann e co francés Glandon. Así mesmo, o hidrónimo de noso Deva (nome de dous ros que desembocan no Miño) tamén de orixe e estirpe celta é paralelo ao inglés Dee e á segunda parte do escocés Aberdeen. O mesmo para o hidrónimo galego Dubra que se corresponde cos escoceses Dobhair e Dhobhar, co inglés Dover e co alemán Tauber, nome dun afluente do Mein.

Como avance, relátanse deseguido algunhas historias interesantes de topónimos e antropónimos celtas.

Maeloc (hai unha tenda de recordos xacobeos así chamada en Santiago, e unha sidra fabricada na Coruña), o bispo moi probablemente galés que chegou ás costas de Galicia á fronte dos celtas históricos británicos que fuxían dos anglosaxóns e que asina as actas do II Concilio de Braga do ano 572 como titular do desaparecido bispado de Bretoña, pode ser o santo galés do mesmo nome (san Maelog) nado en Dumbarton, Escocia, arredor do ano 500, pero criado e culturizado en Gales, onde ten varias igrexas baixo a súa advocación como a de Llandyfaelog.

No que respecta ao topónimo celta galego Glandomiro, que hoxe derivou no de Brandomil do concello coruñés de Zas, está relacionado co apelativo persoal Glenda, nome que leva a actriz inglesa Glenda Jackson, quen intentou ser alcaldelsa de Londres co partido Laborista.

En canto aos topónimos galegos tamén de orixe celta: Cambeda, Cambados, Camba, Camaxe, Cameixa, Camello, Camelle, etc., que significan e se refiren a curvas ou meandros de río ou a curvas, baías ou enseadas de mar, teñen correspondencias na actual Inglaterra, país onde así mismo viviron xentes de etnia e cultura celta, en nomes de lugar como o de Cambridge, topónimo híbrido celta-inglés que significa algo así como o ponte (bridge) da curva ou do meandro fluvial, o que se corresponde coa realidade topográfica do lugar, onde o río Cam dá unha notoria curva fluvial.

Os celtas galegos chamados brigantinos que tiñan como cidade principal Brigantium (a actual A Coruña) e que deron lugar ao actual topónimo Bergantiños, tiveron uns parentes consanguíneos chamados brigantii, nome doutro pobo celta que viviu na antiga Retia (nos Alpes centrais) a caron do Brigantinus Lacus, hoxe lago de Constanza. Brigantii que tiñan como capital unha cidade chamada precisamente Brigantium (hoxe a cidade austríaca de Bregentz) de nome idéntico ao Brigantium galego, nome da cidade principal dos brigantii ou dos brigantinos galegos, antigos habitantes celtas do territorio hoxe chamado Bergantiños.