El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Un microsensor de temperatura creado no CiQUS, premiado pola Academia Galega de Ciencias

A extensión deste sistema ofrecería novas alternativas na caracterización rápida e fiable de moléculas de interese farmacéutico

O Profesor Francisco Rivadulla, de amarelo, xunto a Víctor Leborán (dereita) e o resto do seu grupo premiado pola RAGC ás portas do centro da USC - FOTO: CiQUS.
O Profesor Francisco Rivadulla, de amarelo, xunto a Víctor Leborán (dereita) e o resto do seu grupo premiado pola RAGC ás portas do centro da USC - FOTO: CiQUS.

SANTIAGO  | 07.11.2018 
A- A+

Chámase ‘ANTS’ e é froito dun proxecto de investigación desenvolvido ó longo dos últimos anos no CiQUS, coa financiación do Consello Europeo de Investigación (European Research Council - ERC) a través do seu programa de axudas ‘Proof of Concept' (proba de concepto); o novo microsensor de temperatura ultrasensible (Anomalous Nernst Temperature Sensor - Sensor de Temperatura baseado no efecto Nernst Anómalo) vén de ser distinguido coma o mellor traballo feito por un grupo de investigación no eido da investigación aplicada, segundo consta nos Premios de Transferencia de Tecnoloxía que hoxe fixo públicos a Real Academia Galega das Ciencias (RAGC).

O proxecto, liderado polos doutores do centro Francisco Rivadulla e Víctor Leborán, permitiu deseñar un microsensor de temperatura ultrasensible, de grande atractivo para estudos calorimétricos en procesos de interese químico e biolóxico; entre as principais vantaxes do novo sensor, os autores salientan o seu reducido tempo de resposta (por debaixo dun segundo), ou a súa resolución espacial, enmarcada nunha orde de magnitude de tan só unhas micras (unha característica de indubidable valor, xa que gracias ao seu minúsculo tamaño é posible integralo nunha matriz para realizar múltiples probas de xeito simultáneo); asemade, o equipo responsable destaca a facilidade de adopción da nova tecnoloxía por parte dos usuarios: «a extensión deste sistema ofrecería novas alternativas na caracterización rápida e fiable de moléculas de interese farmacéutico», afirman os investigadores.

O novo microsensor ten dado xa lugar a unha nova patente internacional, polo que os seus promotores traballan agora na procura dun contrato de transferencia entre a USC e unha compañía líder neste ámbito.

Máis formación, máis investigación

O recoñecemento ao mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada conta cunha dotación neta de 6.000 euros, e inclúe unha axuda doutros 4.000 para a formación dun dos membros do equipo. O premio recaeu conxuntamente no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) e no Departamento de Química Física da Universidade de Santiago (USC).