El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

{tribuna libre}

Un pynchon lexible para o verán

FRANCISCO MARTÍNEZ BOUZAS   | 08.07.2011 
A- A+

Se vostede, lector, gorenta da novela criminal, pero ten unha enchente cos heroes de Camilleri, Mankell, Roukin ou xa lle producen cansazo os nosos autóctonos esculcadores de crimes, os máis antiheroes que heroes, Frank Soutelo, Nivardo Castro, Horacio Dopico ou os menos clásicos e máis recentes, Amador Ribeiro ou Sindo Romero, aposte neste verán polo "fumeta" Doc Sportello de Thomas Pynchon. Xa sei que Pynchon, ese "célebre descoñecido", considerado unha icona da postmordernidade maximalista e eterno candidato ao Nobel de literatura, intimida bastante. Os seus temas máis recorrentes (a entropía, a paranoia, o xiro apocalíptico da historia recente, a ausencia de significados) e un estilo que desintegra a linguaxe, converten a lectura deste home, que segue sen ter rostro público, agás unha vella foto de hai cincuenta anos, nunha ardua tarefa. Pero Vicio propio é outra cousa. Pura novela pynchoniana, mais unha excepción que confirma a regra. Unha novela que se entende, que non é máis escura nin enredosa que calquera peza do xénero negro na que haxa abundancia de personaxes e escenarios. E, como agasallo e por se tratar dun Pynchon, tamén pequenos disonantes destemperos, como o feito de que o detective sexa un vello surfeiro, seareiro da marihuana.

Estas cacofonías narrativas, amalgamadas cun estilo de seu, converten a viaxe pola lectura desta novela, nunha experiencia gorentosa e asemade hilarante. Os amantes do clásico, do negro-negro tampouco ficarán decepcionados. Personaxes secundarios ás millentas: malos sen desperdicio, bos tamén boísimos, friames que non morren, conspiracións e corruptelas a esgalla, o pesadelo de Charlie Manson e as súas submisas discípulas e, en paralelo, Richard Nixon, como paradigmas do mal, unha prointernet con protohackers. E por descontado, mancheas de sexo, droga e rock roll. Pynchon amosándonos a faciana máis esperpéntica da cultura americana, con diálogos delirantes, un singular humor negro, iconografías paródicas e grotescas, unha linguaxe dominadora, ricaz e torrencial. Aboiado sobre a superficie deste mar lamacento, un personaxe memorable, Doc Sportello, detective "fumeta" e medio tarambaina, que recibe o encargo de atopar a un empresario desaparecido e que, malia a súa orixe xudía, está protexido por unha banda nazi. A trama de Vicio propio é lineal, sen saltos no tempo, sen sub-tramas. Moitos actores secundarios, pero un só protagonista, o quixotesco Sportello respirando o aire corrupto e despreocupado dos finais dos 60 no sur de California, onde todos enganan, conspiran, traizoan, mentres nas praias os surfeiros enfrontan o estouro das ondas e pandas de hippies réndenlle culto ás flores e á marihuana, nunha sociedade na que se esvaeceron todos os lindes.









Galiofer es un portal de ofertas y descuentos en Galicia. Las mejores ofertas en Salud y Belleza, Hogar, Regalos, Restaurantes, Escapadas...