El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

{ dicionario }

Unha referencia obrigada no mundo da arte e da linguaxe visual

JOSÉ MANUEL ESTÉVEZ-SAÁ  | 11.11.2010 
A- A+

Dicionario de arte,
Emilio de Gregorio e Armando Sendín,
Edicións Xerais,
2010, 448 páxs. 40 €

XA ESTÁ no mercado un deses libros que deberían adornar a mesa de estudo de calquera que se defina como amante da arte en xeral e da cultura da imaxe en particular. O Dicionario de arte, dos profesores Emilio de Gregorio e Armando Sendín, amosa a idoneidade da nosa lingua á hora de achegarse ao mundo da crítica de arte máis seria e rigorosa. Tanto os afeccionados ao mundo artístico como aqueles estudantes que desexen dispor dun manual práctico, sinxelo e directo no que consultar, comprobar e repasar datos relativos ás técnicas creativas, aos movementos artísticos, períodos, escolas, motivos temáticos, recursos formais, ferramentas, materiais ou ás máis variadas manifestacións visuais e plásticas, están de parabén. Atopámonos fronte a moito máis que un glosario. O volume permítenos, ademais de obter explicacións específicas de termos relativos a paradigmas culturais e estéticos, gozar dunha ampla contextualización daqueles elementos que resultan protagonistas dentro da linguaxe visual. Pioneiro no seu ámbito dentro da cultura galega, aínda que o seu campo de análise se estende pola cultura artística e visual universal, este dicionario contribuirá, de xeito decisivo, a xerar un sentimento de respecto e admiración cara a un patrimonio artístico histórico do que todos somos herdeiros. A nosa capacidade de valoración das obras de arte sae reforzada, e a nosa sensibilidade co gusto estético estimulada. Todo iso fará que algo tan importante como a protección do noso legado cultural e do noso patrimonio artístico (arquitectura, pintura, escultura, fotografía, cinema, televisión, cerámica, gravado, instalación, linguaxe, etc.) saia tamén beneficiado a longo prazo.