Noticia 1 de 1
Tendencias
| tendencias@elcorreogallego.es |
RSS
Unha xornada recuperará o mércores a poesía relixiosa galega de Samuel Eiján

ECG | 07.12.2018
O convento de San Francisco da capital galega acollerá na tarde do 12 de decembro a xornada Lembrando a Samuel Eiján. A poesía relixiosa galega. Samuel Eiján, Leiro, Ourense, 1876 - Santiago, 1945) foi novelista, ensaísta, poeta, tradutor, historiador e profesor.
O franciscano escribiu parte da súa obra en galego e converteuse axiña nun referente para a intelectualidade do momento, pero a súa creación e a súa figura ficaron esquecidas nos últimos tempos fóra do ámbito dos especialistas nesta materia.
O encontro recordará o seu legado cun programa no marco do cal será presentado o libro que recompila a súa poesía galega, editado polo historiador Francisco Leira e o crítico literario Armando Requeixo. Samuel Eiján foi nomeado en 1915 membro correspondente da Real Academia Galega (RAG) en 1941 pasou a formar parte do seu pleno como numerario. A institución á que pertenceu organiza na súa memoria ese encontro da man da Provincia Franciscana de Santiago, á que tamén estivo vinculado, co apoio da Xunta mais a colaboración do Museo do Pobo Galego e o Consello da Cultura Galega.
Actos
•••A xornada arrincará no convento de San Francisco ás 16.00 horas cunha achega ao autor a cargo de Francisco Leira, que ofrecerá unha análise do seu tempo e pensamento. Ás 16.45 horas será a quenda de Armando Requeixo, que falará da 'teopoética galega' de Samuel Eiján. A actividade retomarase ás 18.00 h.
