El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

A USC edita 'A Galaxia Gutenberg' no centenario de Marshall McLuhan

Fito do pensamento contemporáneo, o libro do profesor canadense foi traducido para o galego por Manuel Outeiriño//Darío Villanueva debulla no limiar o significado da obra

ANDRÉ URIZA SANTIAGO   | 13.02.2011 
A- A+

Composición realizada a partir dun deseño de Filosofi Kata co rostro de Marshall McLuhan

Nunha famosa secuencia da película Annie Hall (1977), Woody Allen e Diane Keaton agardan na cola dun cine de Nova York mentres ás súas costas un petulante cinéfilo expresa en voz alta as súas opinións sobre Henry James, Fellini e Samuel Beckett. Cando o experto invoca as teorías sobre a televisión de Marshall McLuhan W­oody Allen, desesperado, acorda acalar a verborrea do profesor. O plano desprázase e Allen introduce na conversa ao mesmísimo McLuhan, quen rebate o discurso do intelectual, dicíndolle que non ten nin idea sobre as súas teorías. Entón Allen, satisfeito, volve ollar a cámara e di: "amigos, se a vida fose sempre así..".

A presenza de McLuhan nesa secuencia non é máis que a proba de popularidade dun persoeiro ao que Tom Wolfe se referiu como "o máis importante pensador desde Newton, Darwin, Freud, Einstein e Paulov". De feito, o profesor de literatura e filósofo canadense gozou durante os anos setenta, e outra volta nos noventa do século pasado, dunha presenza icónica nos medios de comunicación, precisamente o ámbito de estudo que el contribuíu a inaugurar con libros como A galaxia Gutenberg. A creación do home tipográfico, que agora chega aos leitores grazas a unha edición da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa Fundación BBVA.

Con prólogo do catedrático e secretario da RAE Darío Villanueva e tradución do doutor, profesor de Teorías da Comunicación e poeta Manuel Outeiriño, o novo froito do Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago ve a luz neste 2011 no que se cumpren vinte anos da creación, no campus compostelán, da chamada daquela Facultade de Ciencias da Información. Alí, nas aulas primeiras de Mazarelos o nome e o pensamento de McLuhan ecoou con forza nunha serie de expresións emblemáticas -o medio é a mensaxe, a aldea global, medios quentes/medios fríos-, exemplos de concreción que Villanueva, no limiar do volume, adscribe ao "forte vencello do pensar macluhiano co exercicio docente do autor". O vínculo coa docencia, di Villanueva, dálle "un significado especial á inclusión d'A galaxia Gutenberg n­unha colección universitaria de clásicos do pensamento universal".

Marshall McLuhan finou de maneira prematura en 1980, por iso non coñeceu o estourido da sociedade tecnolóxica, moito menos de Internet e da era dixital. E mesmo así as súas análises amosan unha total validez no seo da sociedade da información e da comunicación, que, afirma Villanueva, "é a nosa", unha "galaxia distinta da que McLuhan consagrou en The Gutenberg Galaxy (1962): a galaxia Internet". McLuhan, apunta o académico, "menciona xa o ordenador como un instrumento máis de fixación electrónica da información, pero, se cabe, máis interesante resulta aínda a súa pegada profética e a súa dimensión visionaria, que constitúen sen dúbida unha das marcas da súa oririxinal personalidade". As reflexións de McLuhan, de quen este ano se cumprirá o centenario do seu nacemento, revelan a súa vixencia no tempo da posmodernidade, no tempo dos ebooks, dos soportes electrónicos e da web 2.0.

Esa cualidade case profética das teses de McLuhan áchaa Villanueva nunha cita do propio autor, en 1962, na que fala de cómo a nova interdependencia electrónica recrea o mundo a imaxe e semellanza dunha aldea global, con referencia a Orwell incluída: "En troques de tender cara a unha vasta biblioteca alexandrina, o mundo virou un ordenador, un cerebro electrónico, exactamente igual ca nunha obra infantil de ficción científica. Na medida en que os nosos sentidos marcharon fóra de nós, o Irmán Maior métese dentro".

un mosaico

••• A experiencia tradutora de Manuel Outeiriño é extensa. Traduciu as novelas 'Unha viaxe sentimental', de Laurence Sterne, 'Os papeis de Aspern' de Henry James e 'O corazón da escuridade', de Joseph Conrad. Ademais verteu para o galego a obra teatral 'A cura en Troia', de Seamus Heaney, e tamén poemas de John Ashbery, Derek Walcott, Gabriel Ferrater, Joan Vinyoli e J. V. Foix.

••• "Este libro crea un mosaico ou aproximación de campo ós problemas que trata. Tal imaxe de mosaico dos numerosos datos e citas a xeito de proba é a única maneira práctica de revelar operacións causais na historia", sinala Outeiriño nunha nota do tradutor a este necesaria e feliz achega editorial.