El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Videoclips a Esgalla ou a gran historia musical de Ferrol

A mostra comisariada por Alberto Alonso ofrece 106 pezas desde 1991 ata a actualidade

FERROL, FERROL Rodaxe do videoclip do grupo Innsbruck, en 2017 - FOTO: Óscar Millarengo
FERROL, FERROL Rodaxe do videoclip do grupo Innsbruck, en 2017 - FOTO: Óscar Millarengo

PATRICIA HERMIDA FERROL   | 11.10.2018 
A- A+

O tren que recorre a gran historia musical de Ferrol vai desde o inesquecible Andrés do Barro ata os grupos promovidos por Ferror Records. A cidade naval ten espíritu de guitarra, desde aquelas formacións nacidas dos estaleiros. E tan imparable movemento amósase na mostra de Videoclips a Esgalla, con nada menos que 106 pezas audiovisuais cos mellores músicos da zona. Comisariada polo realizador Carlos Alberto Alonso, a cita iníciase este xoves e durará ata o día 26. Contará con charlas de figuras tan destacadas como o director do Festival de Cans, Alfonso Pato.

Segundo Carlos Alberto Alonso, "Ferrolterra é unha superpotencia como músicos e tamén como creadores audiovisuais, somos a envexa doutros lugares de Galicia que esixen que fagamos os seus videoclips". O certame conta co apoio do concello e case dobra o seu impacto, xa que se iniciou en 2016 con 58 videoclips. As 106 pezas desta terceira edición edítanse nun dobre DVD, con creacións desde 1991. Durante estes días, tamén se rodarán nas rúas de Ferrol catro vídeos con María Manuela (o primeiro da súa carreira), Xoán Rubia, Oddy Lane e Robot Humano.

O concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, indica que "Ferrol ten unha forte vitalidade musical e audiovisual, como amosan este Videoclips a Esgalla e outras citas como Fóra do Mapa ou Festea". Na mostra organizada por Alberto Alonso tamén se abordará a experiencia das discográficas e produtoras da cidade. E recuperarase a obra de xente como Roger de Flor, Quant, Innsbruck ou Los Alcántara.