El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Visibilizar a persoas con TEA, meta de De la Iglesia e Suárez

Tosar e Carracedo son dous dos colaboradores da mostra de fotografía de Afundación que se expón en Pontevedra

Marité Cores, Esteban de la Iglesia e Manu Suárez presentan unha das fotografías da exposición - FOTO: Afundación
Marité Cores, Esteban de la Iglesia e Manu Suárez presentan unha das fotografías da exposición - FOTO: Afundación

MARÍA LEDO PONTEVEDRA   | 13.06.2019 
A- A+

Afundación, a Obra Social de Abanca, Esteban de la Iglesia, Manu Suárez e o colectivo La Diapo Fotografía presentaron durante a xornada de onte a mostra Como me presento? 17 encontros fotográficos para recoñecerse nas persoas con TEA no Café Moderno Afundación de Pontevedra.

A presentación do proxecto, liderado por Monse Cea, contou coas intervencións dos fotógrafos da mostra, Esteban de la Iglesia e Manu Suárez, e a coordinadora da Área de Cultura de Afundación, Marité Cores.

A mostra retrata dezasete encontros que tiveron lugar entre personalidades destacadas na sociedade galega, como son o actor Luís Tosar, a cantante Sés, o científico Ángel Carracedo ou o cociñeiro Pepe Solla, e persoas invisibilizadas socialmente, representadas neste caso en persoas con TEA (Trastorno do Espectro Autista).

A través dunha proposta cunha linguaxe e estética coidada, convidan a reflexionar sobre a gran fenda existente entre estes dous perfís e a cuestionarse a forma na que se constrúe a identidade social das persoas con capacidades diversas, permitindo descubrir a arte inclusiva e contribuír no recoñecemento dos seus protagonistas.

Para cumprir o seu obxectivo, recrearon a acción de presentación, o acto social que marca o comezo dunha relación entre persoas descoñecidas coa finalidade de coñecerse e recoñecerse no outro, a pesar das súas diferenzas.

O proceso foi retratado polas cámaras de De la Iglesia, redactor de elcorreogallego.es, e Suárez. Estes, á súa vez, tamén se retratan mutuamente rexistrando o momento en cuestión.

O propósito final é, polo tanto, promover o coñecemento das persoas con TEA a través das imaxes resultantes do proceso creativo afastados do ámbito terapéutico, familiar ou educativo aos que a imaxe pública destas persoas se asocia habitualmente.

O resultado obtido é unha obra de arte contemporánea que toma a fotografía como eixe conceptual e formal e como un vehículo artístico de comunicación e inclusión da sociedade. Desta forma, o traballo, que funciona en base ó desexo de devolver o carácter significativo á fotografía profesional en xeral e ao retrato de persoas en particular, enmárcase na corrente da arte procesual.

O resultado final vese reflectido grazas ás 28 fotografías e o vídeo que conforman a montaxe, mostrando ós protagonistas retratándose entre si e os fotógrafos retratando estes encontros, desvelando así os mecanismos de xeración da imaxe.

A realización deste proxecto, que recolle un xogo de retratos cruzados, foi posible grazas ao apoio de colaboradores como a Consellería de Cultura, Construcciones Oreco, Grupo Quatrium e Zlick.

A mostra poderase visitar ata o vindeiro 13 de xullo, de luns a venres de 17.30 a 20.30 h e os sábados de 11.00 a 14.00 h e de 17.30 a 20.30 h no Café Moderno Afundación de Pontevedra.

PARELLAS RETRATADAS

Luis Tosar # Andrés Da Silva Alonso

Alba Galocha # Adriana Cervantes Lama 

Pepe Solla # Adrián Márquez Prol

Francisco Leiro # Ismael Villar Taboada

Xose Manuel Budiño # Iago Fernández Gago

Ángel Carracedo # Jimmy Frausto Ferradáns

Cristina Mantilla # Cristian Remiceiro Rial 

Ledicia Costas # Luís Eduardo González Núñez

Evaristo Nogueira # Jose Gregorio Estévez Muleiro

César Portela # Javier Dell Luezas

Eva Dafonte # Katia Castro Vila 

SÉS # Francisco Javier Valiño Rodríguez 

Miguel Anxo Prado # Guillermo Castro Valledor

Sofia Toro # Pablo Muñiz Roade

Soledad Penalta # Jesús García Barrenechea

Patricia Vázquez # César Maquieira Domínguez

Víctor Freixanes # Flavio Martínez Rodríguez