Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

‘ECO’, 30 anos informando sobre a realidade económica

Na entrega deste mes colaboran representantes institucionais, sindicais, empresariais, o mundo da cultura e da universidade

Xa está na rúa o especial polo 30 aniversario de ECO, Revista do Eixo Atlántico. Este mes de abril a publicación decana de economía, empresa, sociedade e política, líder en Galicia e con presenza na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal celebra trinta anos desde que outro mes de abril de 1991 vía a luz aquel primeiro número.

“Tres décadas nas que ECO deixou constancia da enorme transformación vivida en todos os ámbitos e, especialmente, no económico e empresarial”, sinalan na súa nota de prensa .

Tal como asegura o editorial, este número especial é “un recoñecemento ao que este recuncho do noroeste peninsular ten logrado nestas últimas tres décadas, probablemente as de maior benestar e prosperidade da historia. Un logro colectivo da cidadanía galega que ECO tivo a honra de narrar, mes a mes, durante 30 anos ininterrompidos, o que non é mérito menor neste difícil sector dos medios de comunicación”.

Tamén destaca o consello editorial de ECO, que preside o fundador da revista Gonzalo Vázquez Pozo, o feito de manter un medio que “usa fundamentalmente a lingua propia, demostrando non só que é un vehículo perfectamente válido para divulgar, informar e opinar, senón que é ben acollido pola cidadanía galega que nestes trinta anos non deixou nunca de apoiar esta revista plural e aberta onde tiveron cabida todas as persoas, ideoloxías, crenzas e ideas que xogaron algún papel no devir recente deste finisterrae”.

Convidouse a participar neste Especial 30 aniversario a multitude de axentes públicos e privados, dos máis diversos ámbitos. Case corenta aceptaron a proposta, entre eles os presidentes do Goberno e do Parlamento galegos, o arcebispo de Santiago, responsables políticos e sindicais, representantes empresariais, os reitores das tres universidades, xente do mundo da ciencia, da cultura etc.

“Todas esas persoas, institucións, organizacións, sindicatos, empresas... que xenerosamente participan neste número, e todas as que o teñen feito nos 359 números de ECO, son as que fixeron de Galicia o que hoxe é: un lugar aberto ao mundo, máis plural, democrático, igualitario, inclusivo e respectuoso do que era en 1991.

O noso obxectivo neste momento, probablemente o máis complicado destas tres décadas, é volver a ser a voz de quen permitirá seguir esa senda que abrimos entre todos”, indican os responsables da revista que agradecen tamén “a anunciantes, subscritores, compradores, distribuidores, quioscos e puntos de venda... e, por suposto, a todas as persoas que fixeron posible a revista ao longo destas tres décadas, desde editores e directores até xornalistas, deseñadores, persoal de publicidade e administración...”.

“Nin a pandemia, nin o confinamento, nin o estado de alarma impediron a ECO seguir saíndo á rúa cada mes con información contrastada e independente e sempre da man de voces expertas”, salientan no seu comunicado.

13 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.