Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Edición facsímile da derradeira obra de Luísa Villalta

“É das voces máis importantes da literatura galega do tránsito do pasado ata o presente”

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu este martes no Pazo de San Roque ao acto de presentación do libro Luísa Villalta. As palabras ingrávidas, editado pola Xunta de Galicia a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. O volume recupera o proxecto no que a escritora e profesora coruñesa traballaba cando a morte a sorprendeu de forma prematura hai 17 anos.

O representante de Cultura, Educación e Universidade declarou que o Centro Ramón Piñeiro “ten a honra de ser o depositario do legado de Luísa Villalta e quere corresponder á confianza depositada nel contribuíndo a difundir a obra dunha autora cuxa relevancia na literatura galega é cada vez máis patente”.

Canda Valentín García interviñeron no acto, que incluíu un emotivo recital de varios textos da autora, María Gómez e Susana Villalta, nai e irmá, respectivamente, de Luísa, e Armando Requeixo, editor do libro e estudoso da autora.

Luísa Villalta. As palabras ingrávidas é a materialización do derradeiro traballo da poeta, pois recolle poemas escritos da súa man apenas unhas semanas antes do seu pasamento. O Centro Ramón Piñeiro, que desde o pasado 2018 atesoura os materias aínda inéditos de Villalta, exhuma agora este libro nunha edición preparada polo investigador e crítico literario Armando Requeixo.

O volume, con formato de almanaque e presentado nun estoxo, recupera o traballo de Luísa en edición facsímile e engade unha transcrición completa dos textos manuscritos, amais dun amplo estudo introdutorio que constitúe a primeira aproximación integral tanto á biografía coma á poética da escritora.

Villalta (A Coruña, 1957-2004), licenciada en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago é unha das voces máis importantes da literatura galega do tránsito do pasado ao presente século.

17 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.