El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias » El Correo 2

APUNTES

Anécdotas para un día de choiva

ALBERTO BARCIELA  | 01.12.2019 
A- A+

Chove como só pode chover os mércores. A cadencia da auga marca a oportunidade, o orballo minucioso é propicio á melancolía, o diluvio outorga enerxía aos pensamentos débiles. Entón é cando escribo ou leo con maior deleite.

Nas primeiras décadas do século XX, os paragüeiros galegos xa eran famosos na asolada Habana, naquel entón cidade de acollida do fonsagradino José María López Lledín, coñecido como O Cabaleiro de ParÍs. O alcume lle viña de cando fora diagnosticado de parafrenia -delirio imaxinativo, con fabulacións e deterioro da personalidade-, ao saír do cárcere na que pasou seis anos por un delito que non cometeu. Mal de choivas, de humidades mentais, de desvaríos, de inxustiza. Como poucos, el soubo que era certo o dito: "mexan por un e hai que dicir que chove".

Outro galego, Juan María da Coba Gómez, un literato e inventor ourensán, xa escribira uns anos antes, en 1896, un libro titulado Cuba es de España, Razones de la Ley. O autor foi coñecido como Xan da Coba, un inspirado chiflado, tolo xenial, ideador entre outras moitas cousas do Pirandargallo, un paraguas xigante que se instalaría no Polo Norte para evitar que chovese no planeta. Foi tamén creador do Trampitán, lingua con claves coñecidas por unha soa persoa; e do Globo Inmóbil, un orixinal aerostático que se elevaría e non se movería, de tal xeito que non viaxaría a un lugar, senón que o lugar viría a el.

Entón, en Compostela tamén xarreaba o ceo. Como deixou escrito o inesquecible José Luís Alvite, en Santiago "cáseque todos tiñamos goteiras en casa, mesmo o cardeal Quiroga Palacios, de quen se dicía -ou iso parecíalle a Alvite- que nos seus movementos por palacio ía acompañado en todo momento por un camarlengo ao que monseñor podería perdoarlle calquera torpeza protocolaria con tal de que na súa procesión polos penumbrosos e desérticos salóns de Xelmírez non esquecese levar nas súas mans a palangana para recoller, como o tempo nun reloxo, o tic tac das goteiras. O cardeal levaba unha vida de falso boato nun palacio tan grande como desvencixado, asistido por don Camilo Gil Atrio, un canónigo estrito, misterioso e servicial".

O arzebispo de Santiago cardeal Quiroga Palacios foi elevado a tales dignidades en xaneiro de 1952. Na súa cerimonia de recepción pola cidade, en coche descuberto, estivo acompañado polo alcalde de Santiago, moi baixiño. De aí que desde entón os nomearan cos alcumes de "Alteza" e "Minudencia" con que foron coñecidos desde entón.

O prelado paseaba un día baixo os soportais da Rúa do Vilar, protexéndose das inclemencias do inverno, cando un paisano se lle achegou a saudar con estas verbas: "Noraboa Eminencia, como siga vostede ascendendo vai chegar a Deus". O acontecido contoumo outro xornalista excelso e inesquecible, Diego Bernal. O meu colega e amigo que imitaba á perfección a voz de Quiroga Palacios, sendo neno chamaba ao colexio no que estudiaba recomendando encarecidamente que outorgasen "as mellores notas a ese neno prodixioso, de infinita bondade e grandes dotes, chamado Dieguito Bernal, que si algún día non vai a clase é por axudar nos oficios relixiosos".

Poida que toda a realidade anecdótica da política, da relixión e da cultura, dos intereses espurios, non caiba nun artigo, sempre subxectivo e aberto a outros criterios. As verdades, como os soños, necesitan poemas infinitos en cada verso. Como os de Lorca, que fixo bailar a lúa baixo a auga: "Chove en Santiago / meu doce amor. / Camelia branca do ar / brila entebrecida ô sol. /Chove en Santiago / na noite escura. / Herbas de prata e de sono / cobren a valeira lúa'. Quén fire potro de pedra / na mesma porta do sono?/ ¡É a lúa! ¡É a lúa / na Quintana dos mortos!".

Os fillos desta terra achegamos algo fermoso: un peculiar xeito de ser e entender o mundo, baixo o paraugas ou os soportais. Nas nosas pingas cabe un universo semántico, gozamos de alomenos 70 palabras para designar as precipitacións en forma de auga. Recompilounas Elvira Fidalgo, profesora de Filoloxía Románica na Universidade de Santiago, na súa tese sobre a formación das palabras para choiva. Ela sabe que os poetas, os tolos e os xornalistas amamos as palabras coas que describir un día de augas e anécdotas.

Chove en Bertamiráns. Hoxe é domingo, pero parece mércores.